A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou hoxe en Sanxenxo que a formación e o acceso ao emprego son claves para seguir avanzando no camiño da inclusión social e laboral na entrega dos galardóns do Programa Social de Emprego da Fundación Mapfre, uns recoñecementos ás empresas e entidades que están comprometidas coa contratación de persoas con discapacidade e coas que se atopan nunha situación de desemprego de longa duración. A Fundación Mapfre distinguiu este ano ás firmas Carmencitas Moda Infantil, Grupo Informático de Galicia, Chester Mobiliario, Alcampo Vilagarcía de Arousa e Serviocio.
Toca incidiu en que o emprego é unha ferramenta esencial para avanzar no camiño da inclusión e resaltou a importancia de adaptar os perfís profesionais das persoas con máis dificultades para atopar un traballo ás demandas do tecido produtivo.
A secretaria xeral de Emprego lembrou que a Xunta destina este ano un total de 14,6 millóns de euros a programas específicos para o emprego das persoas con discapacidade.
En concreto, resérvanse 12,4 millóns de euros para apoiar os centros especiais de emprego e os postos de traballo das 2500 persoas con discapacidade dos 107 centros galegos. Tamén permitirá crear 40 empregos indefinidos e financiar a contratación de 60 traballadores das unidades de apoio.
Por outra parte, o Goberno galego reforza este ano o programa de apoio para a formación e contratación de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social nas empresas galegas destinando en global un millón de euros coa estimación de financiar a contratación de 350 persoas e 50 preparadores laborais. A iniciativa inclúe dúas liñas de actuación: axudas para o emprego con apoio e para a formación e contratación a tempo parcial, dando resposta a unha demanda deste colectivo.
Para o programa de emprego con apoio invístense 500.000 euros, case o triplo que na pasada convocatoria, para a contratación de 50 preparadores laborais nas compañías para prestar un acompañamento individualizado a 200 persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social que traballen nas firmas en condicións similares ao resto dos traballadores que desempeñan postos de iguais características.
Doutra banda, o programa de incentivos á contratación a tempo parcial, co que se estima beneficiar a 150 persoas, inclúe tamén novidades. Aos incentivos á contratación únese un bono de formación opcional para as compañías de 1000 euros por cada persoa contratada.
Con respecto ao bono para a contratación, a Consellería de Economía, Emprego e Industria financia con 2000 euros cada contrato sempre e cando a duración mínima sexa de 6 meses. Esta cantidade aumentará un 25% se a persoa contratada é muller, maior de 45 anos ou emigrante retornado e no caso de que o centro de traballo estea emprazado no rural. Polo tanto, a axuda poderá alcanzar os 4000 euros.
Esta iniciativa, que se pode solicitar ata o próximo 15 de outubro, complementa ao programa da Xunta destinado á contratación a tempo completo das persoas con discapacidade nas empresas galegas que conta cun orzamento de máis de 1,2 millóns de euros.
A Xunta con estas actuacións consolida a súa aposta polo emprego inclusivo no que traballa cun reto principal: mellorar as condicións de empregabilidade dos galegos e galegas, dando resposta ás persoas que teñen máis dificultades para atopar un emprego.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.