A Xunta destaca que as familias teñen hoxe máis recursos e apoio que nunca para a crianza dos seu fillos e fillas e para conciliar

O vindeiro curso 2018/2019 a ratio de atención en escolas infantís de 0 a 3 anos será do 41% en Galicia, oito puntos por riba da aconsellada pola Unión Europea
Por o 05/06/2018 | Sección: Xunta de Galicia
A Xunta destaca que as familias teñen hoxe máis recursos e apoio que nunca para a crianza dos seu fillos e fillas e para conciliar

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asegurou esta mañá que “as familias galegas teñen hoxe máis apoios que nunca para facilitar o seu pleno desenvolvemento e a crianza dos seus fillos e fillas”. Así o afirmou durante unha comparecencia na sede parlamentaria a petición propia na que repasou as principais liñas das políticas públicas en materia de familia e de conciliación que está a levar a cabo a Xunta de Galicia.

Na súa intervención, Rey Varela destacou os principais fitos acadados nestes últimos anos, en especial, desde a aprobación do Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia) que se está a desenvolver desde 2015. Ao respecto desta proposta recordou que “non é unha iniciativa illada, senón que se trata dun plan amplo, específico e responsable cunha batería de medidas complementarias na procura de dar resposta ás necesidades dos pais e das nais, garantir o benestar das familias e apoialas de xeito integral e continuo”.

Deste xeito, o conselleiro apuntou que un dos eixes principais do PAN Galicia é o reforzamento da rede de atención e coidado para nenos e nenas de 0 a 3 anos, principalmente mediante o incremento do número de prazas con achega pública en escolas infantís e a posta en marcha de novos recursos de conciliación nas contornas rurais e empresariais. Nesta liña, puxo en valor o feito de que o vindeiro curso 2018/2019 as familias galegas terán á súa disposición 24.081 prazas de 0 a 3 anos sustentadas con fondos públicos, o que supón un incremento de 1642 prazas respecto do presente curso e sitúa a ratio de cobertura da Comunidade Autónoma no 41%, oito puntos por riba da aconsellada pola Unión Europea. Ademais, subliñou que a través do programa Bono Concilia a Xunta garante que todas as familias que a teñan solicitado recibirán unha axuda económica para que os seus fillos e fillas accedan a unha praza nunha escola infantil.

Así mesmo, Rey Varela manifestou que o Executivo autonómico seguirá estendendo os recursos de conciliación no rural apoiando a posta en marcha de novas Casas Niño. A día de hoxe hai 46 equipamentos deste tipo en funcionamento e nestes momentos a Xunta está a preparar unha nova convocatoria que permitirá a creación doutras 15 Casas Niño. Tamén garantiu que o Goberno galego continuará a promover xunto coas entidades empresariais a entrada en servizo de escolas infantís en polígonos industriais. Nestes momentos está aberta unha nova convocatoria de axudas que permitirá sufragar a construción de catro escolas noutras tantas áreas empresariais, as cales se sumarán ás tres xa financiadas pola Xunta –una delas en funcionamento no polígono Río do Pozo de Narón (A Coruña) e outras dúas pendentes de construción nas contornas industriais da Pobra do Caramiñal (A Coruña) e Mos (Pontevedra)-.

Xunto co reforzamento dos recursos de conciliación, o titular de Política Social destacou o incremento das axudas directas ás familias para a crianza dos nenos e nenas e, en especial, a consolidación da Tarxeta Benvida que nos seus dous primeiros anos de aplicación -2016 e 2017- chegou a máis de 30.000 nenos e nenas, o que equivale a aproximadamente o 80% dos recen nados en Galicia. Así mesmo, relatou as melloras introducidas neste programa, como a extensión da axuda ata os 3 anos para as familias con rendas anuais non superiores aos 22.000 euros a partir do presente exercicio de 2018.

Así mesmo, Rey Varela fixo fincapé no aumento da dedución fiscal por nacemento ou adopción, da prestación por pago único e das bonificacións nas taxas das escolas infantís. Nesta liña, tamén apuntou que arestora máis de 400 familias galegas están acollidas ao programa Bono Coidado, a través do que reciben unha achega económica para sufragar o coidado dos seus nenos/as no domicilio en momentos puntuais, facilitando así a conciliación.

Por último, o conselleiro sinalou que todas estas medidas poñen de manifesto que a Xunta ten moi en conta a perspectiva demográfica no deseño e aplicación das súas políticas de familia e conciliación. Ao tempo que declarou que o compromiso do Goberno galego neste ámbito evidénciase no maior peso que cada ano ten a área de Familia nos orzamentos autonómicos, alcanzando na presente anualidade os 133,2 millóns de euros. Esta contía representa un incremento acumulado do 54% nos últimos tres exercicios.

Comentar noticia

Your email address will not be published.