A Xunta destaca que o investimento para paliar as consecuencias da vaga de lumes de outubro acada os 23 millóns de euros

O orzamento da orde conxunta de axudas ascende a 13,2 millóns de euros, aos que hai que sumar os 9,8 millóns de euros investidos en actuacións directas
Publicado por o día 05/06/2018 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta habilitou unha partida de 23 millóns de euros para facer fronte ás consecuencias da vaga de lumes do pasado mes de outubro. En total, estes 23 millóns de euros divídense entre os 13,2 millóns de euros da orde de axudas conxunta; e os 9,8 millóns que se investiron en distintas actuacións directas.

Só unha semana despois do suceso, a Xunta aprobaba en Consello o Decreto 102/207, do 19 de outubro, de medidas urxentes para a reparación de danos causados; e o 30 de outubro publicaba no Diario Oficial de Galicia unha orde conxunta que agrupaba as subvencións dos distintos departamentos autonómicos para facilitar a súa tramitación e que contemplaba anticipos anticipos do 100%, do 50% ou do 25% en varias das convocatorias.

O orzamento inicial desta orde ascendía a 11,3 millóns de euros, que posteriormente se ampliou ata os 13,2 millóns de euros mediante unha resolución da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, que sumou 1,9 millóns de euros ao orzamento destinado a sufragar os gastos de vivendas danadas e o seu enxoval doméstico.

Esta convocatoria conxunta do Goberno galego habilitou axudas para poder paliar os danos causados pola vaga de lumes nun amplo abano de supostos, como a de afectación a bens de titularidade municipal, reparación de vivendas, negocios e establecementos turísticos e, por suposto, por danos persoais.

De feito, onte mesmo anunciábase a resolución das axudas destinadas a reparar aqueles bens de titularidade municipal que resultaran danados nos incendios e que non estaban cubertos polo resto de liñas habilitadas na Orde conxunta de axudas do 27 de outubro. Logo da comprobación in situ dos danos declarados, determinouse que os beneficiarios serían un total de 41 concellos que declararon danos por valor de 2 millóns de euros. Tal e como tiña comprometido, a Xunta achegará o 50% desta contía, isto é, 1 millón de euros. Para cubrir o restante, solicitou por carta a colaboración das deputacións provincias de Ourense e Pontevedra, onde os danos foron máis elevados. A Deputación de Pontevedra aínda non confirmou a súa intención de colaborar.

Ademais desta colaboración cos concellos, a orde establecía axudas para danos persoais, a través dunha partida de 350.000 euros. Fixábanse 75.000 euros por vítima para os casos de falecemento ou incapacidade permanente e tamén se incluían gastos de asistencia médica e hospitalización. As axudas, que xa se fixeron efectivas, chegaron a 12 persoas.

A vivenda tamén era un dos eixos importantes da orde. Inicialmente, o orzamento era de 2 millóns de euros para sufragar gastos de vivendas danadas e enxoval doméstico. Ampliouse esta orzamento en 1,9 millóns de euros. Habilitábase tamén outra partida de 550.000 euros para sufragar gastos de aloxamento provisional.

Nesta orde, recollíanse tamén 3 millóns de euros para obras de recuperación e reconstrución de establecementos comerciais afectados; así como outros 1,5 millóns de euros para o medio rural destinados a sufragar a reparación de danos en infraestruturas de titularidade privada, gastos de madeira amoreada queimada ou reparacións de bens ou medios de produción de explotacións agrícolas

A maiores, destináronse 100.000 euros da Secretaría Xeral de Deporte para as instalacións danadas; un millón de euros para a reparación de establecementos e sinalización turística; 300.000 euros para os titulares dos terreos cinexéticos ordenados (Tecor); e outro millón de euros para reparar os danos causados nos bancos marisqueiros, nos que finalmente non se rexistrou ningún tipo de dano.

En total, 13,2 millóns de euros da orde de axudas, aos que se suman os 9,8 millóns investidos en actuacións directas como accións para a consolidación dos solos e restauración das zonas queimadas, rexeneración de parques naturais afectados, asesoramento a negocios e reparación de estradas.