A Xunta destaca que seguirá a loitar para que se estenda a todas as frotas a prohibición de cortar as aletas aos tiburóns

O Executivo galego lamenta que este veto só se aplique aos barcos comunitarios e non ao resto de frotas mundiais
Por o 11/06/2019 | Sección: Galicia,Vigo,Xunta de Galicia
A Xunta destaca que seguirá a loitar para que se estenda a todas as frotas a prohibición de cortar as aletas aos tiburóns
Compartir en:

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, participou hoxe na clausura do proxecto FIP Blues, a primeira iniciativa mundial de mellora pesqueira para o tiburón e o peixe espada, onde a representante da Consellería do Mar explicou que a Xunta seguirá a loitar para que se estenda a todas as frotas a prohibición de cortar as aletas aos tiburóns. Tras destacar a actividade sustentable e responsable que desenvolve a frota de palangre de superficie galega, Mercedes Rodríguez lamentou que a prohibición desta práctica, coñecida como finning, só se lle exixa aos buques comunitarios e non ao resto de frotas mundiais.

“A nosa postura segue a ser firme na idea de solicitar a harmonización normativa para que non existan condicionantes económicos nin materiais de alcance nas distintas frotas”, explicou a directora xeral de Pesca durante o acto organizado polas asociacións de produtores pesqueiros e empresariais con actividades vencelladas á captura de tiburóns e peixe espada. Nesa liña, lembrou que esa homoxeneización no veto ao corte das aletas foi rexeitada na Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (Iccat) pola oposición dos países asiáticos e pola falta de defensa por parte do Estado español.

A representante da Consellería do Mar lembrou que a Xunta lle trasladou á Secretaría Xeral de Pesca do Goberno central a importancia desa homoxeneización para que a defendese en Bruxelas. O obxectivo era que o Executivo comunitario apostase no Iccat por esa extensión da norma a todas as frotas pero a falta de firmeza nesa reivindicación fixo que finalmente non saíse adiante e se manteña esa desigualdade.

Ante esta situación, incidiu Mercedes Rodríguez, “a Administración autonómica xa encargou ao Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela un estudo que relate o impacto pernicioso do coste desta medida sobre a frota, buscando poñer negro sobre branco esta necesidade de obter un level playing field para estas embarcacións”.

A directora xeral de Pesca salientou ademais a importancia desta primeira iniciativa mundial para conseguir unha explotación sustentable do peixe espada e dos tiburóns promovida por un grupo de empresas que concentra o 90% das capturas destas especies da Unión Europea e o 95% dos buques europeos que faenan nos océanos Atlántico, Índico e Pacífico.

“FIP Blues representa a conciencia dun sector que sabe que o facer de hoxe é a única garantía para un futuro máis responsable na xestión pesqueira e permite situar a nosa frota na vangarda da sustentabilidade. Agardamos que nun futuro próximo se estenda a outras frotas e industrias a nivel mundial”, concluíu a representante da Consellería do Mar.

O proxecto ‘FIP Blues’

O proxecto FIP Blues ten como obxectivo final levar a pesqueira de tiburón e peixe espada aos máximos estándares de sustentabilidade e recoñecemento positivo na súa comercialización así como mellorar o seu coñecemento científico e colaborar coa comunidade científica. De feito, o FIP Blues inicial converterase un grupo de seis FIP integrais relacionados que incidirán nas distintas especies e zonas de pesca.

Comentar noticia

Your email address will not be published.