A Xunta destina 26,6M€ para cualificar 8700 alumnos mediante as accións formativas dirixidas a persoas sen traballo

A Consellería de Economía, Emprego e Industria publica hoxe no DOG a convocatoria 2018/2019 que inclúe 580 cursos

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) as axudas para impulsar a formación para desempregados (AFD) correspondentes á convocatoria 2018/2019, á que destinará 26,6 millóns de euros para cualificar a 8700 alumnos e alumnas a través de 580 cursos. Entre as novidades deste ano darase prioridade a especialidades vinculadas ao metal, naval e automoción, a docencia de formación profesional para o emprego e para as accións vinculadas coas competencias dixitais. Deste xeito, resérvase un 50% do presuposto para estas especialidades e para os cursos de competencia clave, que están dirixidos a aquelas persoas sen estudos básicos, e que, ao igual que na edición pasada, seguen tendo preferencia.

Así, investiranse 6,65 millóns de euros (o 25% do orzamento) na realización de 145 cursos para cualificar a 2175 persoas sen emprego nos sectores do metal, o naval e a automoción. En competencias clave, con máis de 2,6 millóns, levaranse a cabo 58 cursos para cualificar a 870 persoas e, con preto de 4 millóns, desenvolveranse 87 accións sobre competencias dixitais para 305 desempregados.

Nesta convocatoria, ao igual que na de 2017/2018, tamén se dará prioridade aos cursos vinculados coa Industria 4.0; aos idiomas, coñecementos financeiros, xurídicos e de funcionamento das administracións públicas; e ás especialidades con maior demanda ou maior inserción laboral. Para iso, destinarase 13,31 millóns de euros.

As axudas dirixidas a empresas, concellos e entidades sen ánimo de lucro, que poderán presentar a súa solicitude desde mañá ata o 27 de abril, teñen como obxectivo incrementar a ocupabilidade das persoas sen un traballo facilitándolles, polo tanto, o seu acceso ao mercado laboral. Ao mesmo tempo, dótase a Galicia dun capital humano máis formado de acordo ás necesidades reais das empresas. É unha formación homologada con certificados de profesionalidade con validez en toda España.

Entre os colectivos que terán prioridade para acceder aos cursos están as mulleres, especialmente aquelas vítimas de violencia de xénero; os parados de longa duración; menores de 30 anos; emigrantes retornados; persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social; e alumnos con baixa cualificación.

Un 60% de inserción

O Goberno galego segue apostando por este tipo de programas formativos, xa que na edición do ano 2016 un 60% dos alumnos que se cualificaron nestes cursos acadaron un emprego, catro puntos porcentuais máis que nos dous anos anteriores. Dos 6572 galegos e galegas que accederon a estas accións formativas, un total de 3963 atoparon emprego e dous de cada tres fixérono nos seis primeiros meses desde que rematou o curso.

As accións formativas, que empezarán a partir de setembro e se estenderán ao longo de 12 meses -o pasado ano a duración ampliouse de 6 a 12 meses-, enmárcanse na folla de ruta do Goberno galego en materia laboral, a Axenda 20.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM