A Xunta destina 54.465 euros a colaborar coas agrupacións de volutarios de Protección Civil de 31 concellos de Pontevedra

As axudas destínanse a gastos de funcionamento e son complementarias doutros programas de apoio para mellorar o equipamento, vehículos ou a formación dos voluntarios
Publicado por o día 20/08/2020 na sección de Social,Xunta de Galicia

A Xunta destina 54.465 euros a colaborar coas agrupacións de volutarios de Protección Civil de 31 concellos de Pontevedra

A Xunta destina este ano 54.465 euros a colaborar cos gastos de funcionamento das agrupacións de voluntarios de Protección Civil de 31 concellos da provincia de Pontevedra.

Estas axudas poderanse destinar a necesidades como equipamento e uniformes; equipos de prevención e protección, sempre que se trate de material funxible; custos de actuacións levadas a cabo pola agrupación, mantemento, transporte, ou conservación e alugamento da base; pagamento de seguro de accidentes e responsabilidade civil do persoal voluntario; custos de formación dos seus membros; ou equipamento de material informático e de comunicacións.

Esta convocatoria inscríbese no esforzo que está a realizar o Goberno galego nos últimos anos para mellorar os medios de emerxencia dos concellos de menos de 50.000 habitantes. Deste xeito, vén a complementar outros programas de apoio para mellorar o equipamento, os vehículos ou a formación dos voluntarios.

Con este obxectivo, tense habilitado o pasado mes de maio outra liña de subvencións en especie con vehículos todo camiño e pick up, remolques de emerxencia, tendas de campaña, quads, embarcacións pneumáticas ou equipos de excarceración ou esparexadores de sal.

A Xunta destinou á convocatoria deste ano 932.400 euros para equipar a estas agrupacións. O investimento do Goberno galego nos últimos anos para dotar e reforzar o material de emerxencias das AVPC no conxunto da comunidade supera os 12 millóns de euros.