A Xunta destina 917.100 euros para actuar sobre a área de rehabilitación integral no concello de Vigo

As administracións locais que se beneficiarán da convocatoria, dotada con preto de 3 millóns de euros, son Vigo, Chantada, Quiroga, Sober, Vilalba, Viveiro e Ribadavia
Publicado por o día 05/08/2019 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta destina 917.100 euros para actuar sobre a área de rehabilitación integral no concello de Vigo

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, financiará este ano con 2.882.218,92 euros as actuacións que se realicen nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) daqueles concellos que non recibiran financiamento no ano 2018 por non telo solicitado ou, no caso de recibilo, que xa o teñan comprometido.

Estes fondos, que inclúen tanto a achega estatal como a autonómica, irán a parar, concretamente, aos concellos de Chantada, Quiroga, Sober, Vilalba, Viveiro, Ribadavia e Vigo coa seguinte distribución económica:

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) comunicará esta semana aos concellos beneficiarios a contía que se lles asignará no reparto correspondente aos obxectivos de 2019, e a continuación, as entidades locais deberán comunicar as actuacións previstas nas súas respectivas ARI, presentando a documentación acreditativa.

Naqueles casos en que dispoñan de máis dunha ARI declarada dentro do seu ámbito municipal, será a propia administración local a encargada de repartir os fondos entre as mesmas. Ademais, os concellos deberán regular tamén os prazos para a presentación de solicitudes por parte dos propietarios de vivendas localizadas dentro destas áreas e que estean interesados na súa rehabilitación.

Os beneficiarios finais dos fondos repartidos entre estes sete concellos serán os propietarios de vivendas e edificios de vivendas emprazados no ámbito das Áreas de Rehabilitación Integral, que recibirán axudas a fondo perdido para as actuacións de rehabilitación que realicen. Tamén se poderán beneficiar das axudas os propios concellos para a realización de actuacións de urbanización e reurbanización no ámbito das ARI. Ademais, a Xunta, con fondos propios, financia as oficinas de rehabilitación municipais.

Contía das axudas

O importe das axudas estatais non poderán exceder do 40% do custo subvencionable da actuación. Este límite poderá alcanzar ata o 75% cando os ingresos da unidade de convivencia residente sexan inferiores a tres veces o IPREM e tamén cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade ou se acredite que na unidade de convivencia promotora da actuación e residente, existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 años. O importe máximo da axuda por vivenda será da seguinte contía:

  • 12.000€ por cada vivenda obxecto de rehabilitación para actuacións de mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas, con redución da demanda enerxética.
  • 8.000€ para actuacións de conservación, da mellora na seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas,
  • 30.000€ por cada vivenda construída en substitución de outra previamente demolida.
  • 2.000€ por cada vivenda obxecto de rehabilitación e/ou por cada vivenda construída para as actuacións de mellora da calidade e sostibilidade do medio urbano.
  • 4.000€ anuais, por unidade de convivencia a realoxar, durante o tempo que duren as obras e ata un máximo de 3 anos, para as actuacións de realoxo temporal.

Ademais, estas axudas incrementaranse nun 25% cando as persoas beneficiarias sexan menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes.

En canto á parte autonómica das axudas, terán a contía máxima seguinte:

  • 4.000€ por vivenda obxecto da actuación de rehabilitación, sen que a subvención poida exceder o 10% do orzamento protexido de rehabilitación da vivenda ou edificio.

Os concellos recibirán por cada vivenda rehabilitada ou construída 2.500 euros (1.500 da Xunta e outros 1.000 do Ministerio) para financiar o custo de xestión e dos equipos e oficinas de planeamento, información, xestión e acompañamento social.

ARI dos Camiños de Santiago

Cómpre lembrar que máis do 40 por cento dos concellos galegos contan cunha Área de Rehabilitación Integral declarada no seu territorio ou están incluídos na ARI dos Camiños de Santiago, polo que a importancia desta figura de rehabilitación é clave para Galicia.

En todo caso, estes tres millóns de euros van destinados exclusivamente ás ARIS que teñen o seu ámbito dentro dun só concello. Nesta convocatoria, polo tanto, non se inclúe a área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, que abrangue 687 parroquias de 126 municipios diferentes e xestiona directamente o Instituto Galego da Vivenda e Solo. Estas axudas foron convocadas no DOG o pasado 10 de xullo cun orzamento total de 1,5 millóns de euros e o prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o 31 de outubro.