A Xunta destina preto de 2 M€ en apoios para avanzar cara a unha minería máis sustentable e con menores emisións de po e ruído

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución das convocatorias para o desenvolvemento de iniciativas sustentables dirixidas a entidades galegas sen ánimo de lucro e para o impulso de accións que melloren as condicións ambientais e laborais do sector destinadas ás empresas privadas
Publicado por o día 12/01/2020 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta destina preto de 2 M€ en apoios para avanzar cara a unha minería máis sustentable e con menores emisións de po e ruído

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución de dúas ordes de axudas dirixidas ao sector mineiro que supoñen un investimento de preto de 2 milóns de euros para impulsar un total de 51 proxectos que permitirán avanzar cara a unha minería máis sustentable e con menores emisións de po e ruído. En concreto, un total de 10 entidades galegas sen ánimo de lucro levarán a cabo 18 proxectos para o desenvolvemento de iniciativas encamiñadas a lograr unha minería sustentable, que contarán con apoios de máis de 960.000 euros.

O obxectivo desta iniciativa é apoiar a incorporación da sustentabilidade ambiental e social neste sector con accións que contribúan á mellora das prácticas preventivas e ambientais, ao fomento da investigación e innovación en sistemas de explotación e tratamento; a transferencia de coñecemento e un aproveitamento máis racional e eficiente dos recursos, así como a recuperación e posta en valor da historia da minaría en Galicia e do seu patrimonio. Así apoiaranse accións de prevención de riscos laborais, campañas de divulgación no eido dos áridos, da lousa e dos balnearios; a realización de rutas xeolóxicos e minerais, o desenvolvemento de varias iniciativas para a recuperación do patrimonio, a introdución de boas prácticas ambientais e o fomento dunha minería sustentable.

Por outra banda outorgáronse máis de 930.000 en apoios para o impulso de 33 proxectos a cargo de 25 empresas privadas para a redución das emisións de po e ruído e mellorar, deste xeito, as condicións ambientais e laborais do sector. O obxectivo é favorecer a aplicación de tecnoloxías novidosas e implantar as mellores técnicas dispoñibles contra o po e o ruído, tendo en conta o seu influxo tanto no contorno como na saúde dos traballadores. Trátase de promover o desenvolvemento sustentable do sector que constitúe un importante motor económico para as zonas de Galicia onde se leva a cabo esta actividade de importante impacto socioeconómico.

Con estas dúas ordes de axudas, a Xunta volve amosar o seu compromiso cunha minería segura e sustentable capaz de xerar valor e emprego na Comunidade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.