A Xunta destinará 1,4 millóns de euros á mellora de catro instalacións de servizos sociais en Vigo

Realizará unha reforma integral na residencia xuvenil Altamar e modernizará a instalación do sistema de auga quente e sanitaria da residencia de tempo libre de Panxón
Publicado por o día 30/05/2019 na sección de Galicia,Vigo

A Xunta de Galicia destinará 1,4 millóns de euros procedentes do superávit autonómico de 2018 a mellorar e modernizar catro instalacións de servizos sociais da comarca de Vigo. Estas actuacións forman parte do plan de obras da Consellería de Política Social, que ten como finalidade aumentar o confort e benestar das persoas usuarias dos centros públicos de servizos sociais, así como incrementar a eficiencia enerxética dos mesmos.

A intervención de maior calado é a reforma integral da residencia xuvenil Altamar, cun orzamento de 800.000 euros. Os traballos consistirán na renovación da envolvente exterior da edificación, así como a mellora das aulas, habitacións e demais instalacións. Ademais de mellorar a comodidade dos residentes, visitantes e persoal do centro, os traballos aumentarán a eficiencia enerxética, algo que beneficiará ao medio ambiente e permitirá reducir o gasto necesario para manter o inmoble a unha temperatura óptima.

Tamén se fará máis eficiente o Centro Residencial de Atención a Persoas con Discapacidade (CRAPD) de Vigo, onde se levarán a cabo obras por valor de 250.000 euros que inclúen a reforma da cociña e o cambio de ventás na planta baixa da edificación. Un importe semellante, de 248.000 euros, destínanse á mellora da fachada e o acondicionamento interior do centro sociocomunitario O Calvario. E, por último, investirase 140.000 euros na renovación da instalación de auga quente e sanitaria da residencia de tempo libre de Panxón.

Outras actuacións na provincia

En total serán oito os centros dependentes da Consellería de Política Social na provincia de Pontevedra que se beneficiarán deste plan de obras. Ademais destes catro de Vigo, tamén se acometerá unha reforma integral no Centro de Menores Avelino Montero e na residencia de maiores de Campolongo, en Pontevedra; renovarase a instalación de illamento térmico e poñeranse en marcha unha actuación para a mellora lumínica na residencia de Maiores de A Estrada; e no Centro Ocupacional de O Saiar, en Caldas de Reis, tamén se desenvolverán traballos para mellorar o illamento térmico e a substitución de carpinterías. Nesta provincia, o Goberno galego investirá 5,3 millóns de euros ao abeiro deste programa.

No conxunto de Galicia hai proxectadas intervencións de reforma e modernización en 34 centros de benestar social, por un montante global de 13,7 millóns de euros e que beneficiarán ás máis de 50.000 persoas que son usuarias dos mesmos. A previsión é que as obras comecen neste 2019, aínda que as de maior calado poderían rematarse no próximo 2020.