A Xunta vén de renovar a orde de axudas do Plan específico de acción comunitaria, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia e na que o Goberno galego mantén o orzamento de 2,5 millóns de euros para apoiar o funcionamento de asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, subliña que, a través destas axudas, a Xunta busca contribuír a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal. Nesta liña, incide no importante papel destas asociacións para canalizar as demandas dos cidadáns e, polo tanto, na necesidade de apoiar os proxectos encamiñados a garantir o seu funcionamento e dar respostas ás aspiracións da veciñanza.
As subvencións que concede a Xunta mediante a orde publicada hoxe financian a realización de investimentos en inmobles da titularidade das asociacións beneficiarias ou sobre os que teñan dereito de uso, e tamén nas infraestruturas de traídas de auga veciñais.
Os investimentos van destinados, polo tanto, ao acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais e a compra de equipamentos básicos para o seu funcionamento, como mobiliario, equipos informáticos e audiovisuais ou material non básico específico para levar a cabo determinadas actividades. Ademais, son subvencionables proxectos de mellora, reforma e reparación das instalacións das traídas de auga promovidas por comunidades de usuarios de augas para garantir o abastecemento.
A contía das axudas pode acadar a totalidade do investimento realizado, cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para dotación de equipamentos.
As entidades beneficiarias deberán estar inscritas no rexistro de asociacións da comunidade e conter na súa denominación a identificación como asociación de veciños, federación, confederación ou unión de asociacións de veciños ou como asociación de mulleres rurais. No caso das comunidades de usuarios de auga deben estar legalmente constituídas e inscritas no libro de rexistros de augas como titulares do aproveitamento de augas para o que solicitan a subvención.
Natalia Prieto informou da nova nun encontro que mantivo con representantes da Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti, á que asistiu acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. Estas axudas da Administración autonómica permitiron levar a cabo case un milleiro de proxectos nos últimos cinco anos cun investimento de preto de 10,5 millóns de euros. Na convocatoria do ano pasado destináronse 2,5 millóns de euros a iniciativas de 190 asociacións, 29 delas na provincia de Lugo que recibiron 379.000 euros.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.