A Consellería de Emprego e Igualdade, vén de detectar que, ao albur da crise sanitaria, existen actividades que precisan de traballadores especializados e nas que o mercado laboral se mostra máis activo. Entre estes nichos de emprego, a Xunta ve oportunidades en áreas relacionadas coas novas tecnoloxías aplicadas á sanidade, ao comercio electrónico, ás cadeas de montaxe industrial e á ciberseguridade. A educación, a atención domiciliaria da dependencia e a loxística ou a consultoría informática se consolidan tamén como nichos de emprego a pesares da crise sanitaria, que está a repercutir de xeito negativo noutros sectores da economía galega vencellados co comercio, o turismo ou a hostalaría.
A situación de nova normalidade fixo que unha ducia de sectores estean a demandar perfís de traballadores e incrementaron nos últimos meses de ano as cifras de afiliacións á Seguridade Social con respecto a 2019. Trátase das actividades sanitarias, emprego público, educación, sector automobilístico, limpeza industrial e de edificios, actividades administrativas na xestión de chamadas, TICs, dependencia, telecomunicacións, servizos técnicos de enxeñaría, loxística e distribución e da industria farmacéutica.
Algunhas destas actividades xa viñan salientadas polo seu dinamismo na Guía de ocupacións con mellores perspectivas de emprego elaborada pola Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Observatorio de Emprego, antes da Covid-19. Como a atención á saúde, na que xa se subliñaban as boas perspectivas de emprego para médicos de familia, farmacéuticos e técnicos en emerxencias sanitarias; ocupacións cualificadas ben posicionadas no mercado de traballo galego e que, pola influencia da Covid, ven incrementada a súa presenza.
Os novos retos tecnolóxicos vinculados á sanidade apuntan cara a futuras necesidades de técnicos data scientist (para orientar as decisións a partir da análise de enormes cantidades de datos) e desenvolvedores de apps (dirixidas á mellora da atención aos pacientes).
Emprego público, automóbil, limpeza e informática
A gran oferta de emprego público impulsada dende a Xunta está a dinamizar tamén o mercado neste ámbito. Existe demanda crecente de profesionais ligados á educación. O menor aforo nas aulas e a rotación de profesores esixe de maior número de docentes e maior exixencia no uso de innovacións educativas.
As afiliacións no último trimestre do ano evidencian, por outra banda, un incremento de traballadores no sector do automóbil, sobre todo na provincia de Pontevedra, onde se demandan para traballos de enxeñaría e ensamblaxe nas liñas de produción. Neste eido existen perfís emerxentes, como técnicos en robótica e en diagnóstico por imaxe.
Tanto as actividades relacionadas coa limpeza, cos traballos de recollida e eliminación de residuos e a desinfección vense impulsadas, ao igual que as actividades administrativas vinculadas á xestión de chamadas polo estímulo do comercio en liña.
TICs, actividades de programación e consultoría informática atopan tamén un oco, animadas polo auxe do teletraballo e da ciberseguridade. A provincia da Coruña concentra neste caso un gran dinamismo con 2 de cada 3 novos empregos rexistrados no sector que, por outra banda, segue a demandar perfís emerxentes en materia de big data, desenvolvedores de aplicacións de realidade virtual ou traffic márketing product manager, cuxa misión é xerar tráfico web dentro da xestión dun plan de medios dixital.
Dependencia, servizos sociais relacionados coa atención en institucións e a domicilio crean emprego. Tamén as telecomunicacións, os servizos técnicos de enxeñería e a loxística e distribución, esta última moi vencellada co estímulo do comercio en liña e o auxe das entregas de comidas a domicilio.
Existe outro grupo de actividades cunha tímida evolución positiva no actual escenario de crise sanitaria como a industria farmacéutica, a industria química, a investigación e desenvolvemento, as actividades de seguros e a industria do papel.
Adaptar a formación
O impacto das novas tecnoloxías emerxentes está modificando os requirimentos do mercado de traballo polo que, desde a Dirección Xeral de Formación e Colocación, se está a levar a cabo un Estudo de tecnoloxías emerxentes para a transformación do emprego. Trátase de coñecer os novos perfís para poder adiantarse ás necesidades formativas do futuro, tanto en competencias técnicas, como nas soft skills (competencias humanas como a creatividade, a xestión do tempo, a colaboración ou o pensamento crítico).
A detección das áreas emerxentes de emprego vinculadas aos novos retos tecnolóxicos permitirá incidir na formación destes novos profesionais e contribuír, a medio e longo prazo, á xeración de emprego de calidade para os galegos e galegas e, en definitiva, ao impulso económico da Comunidade.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.