A Xunta duplicará o ano que vén o orzamento destinado ao Programa Emega de emprendemento feminino

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda asistiu ao acto de presentación da iniciativa Referentes Galegas, que tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura
Publicado por o día 17/12/2018 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta duplicará o ano que vén o orzamento destinado ao Programa Emega de emprendemento feminino

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda indicou hoxe que o Goberno galego duplicará para o vindeiro ano o orzamento destinado para o Programa Emega de emprendemento feminino, que estará dotado con máis de 1,8 millóns de euros.

Alfonso Rueda, asistiu ao acto de presentación da iniciativa Referentes Galegas, que tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura, onde incidiu na importancia da posta en marcha de iniciativas como esta para seguir facendo visible o liderado feminino e apoialo en todas as esferas da sociedade, polo que o Goberno galego segue traballando en prol da Igualdade.

Tal e como avanzou hoxe o vicepresidente, reforzarase o Programa Emega no vindeiro ano, que ten como obxectivo dar apoio económico ao emprendemento feminino e consolidar proxectos empresariais liderados por mulleres como medio axeitado para a súa promoción, participación e progresión no mercado laboral.

Desde a posta en marcha desta iniciativa en 2009, téñense financiado 544 proxectos e creado máis de 1.000 postos de traballo para mulleres. Só este ano, en 2018, financiáronse 72 proxectos e creáronse 120 empregos.