A Xunta e a CNMC desenvolverán un protocolo de colaboración para impulsar a competencia no sector dos carburantes en Galicia

Con esta iniciativa búscase dar resposta ao feito de que en Galicia, precisamente pola falta de competencia, os prezos dos combustibles antes de impostos se sitúen entre os máis altos de España
Por o 24/07/2018 | Sección: Galicia,Xunta de Galicia
A Xunta e a CNMC desenvolverán un protocolo de colaboración para impulsar a competencia no sector dos carburantes en Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e o presidente da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), José María Marín Quemada, asinaron hoxe un protocolo de colaboración con diversas actuacións para mellorar a competencia no sector da distribución de carburantes en estacións de servizo de Galicia.

En palabras do conselleiro, con esta iniciativa búscase dar resposta ao feito de que en Galicia, precisamente pola falta de competencia, os prezos dos combustibles antes de impostos se sitúen entre os máis altos de España, como xa veñen advertindo desde hai tempo as autoridades galegas de Competencia.

O obxectivo, precisou, é “facilitar un maior número de operadores en Galicia e que haxa novas formas de comercialización que permitan que o prezo non sexa un obstáculo desde o punto de vista do mercado, e que o consumidor galego poida acceder en igualdade de condicións que calquera outro en calquera outra comunidade autónoma”.

Informe trimestral e guía de boas prácticas

Entre as medidas que se van adoptar, a CMNC proporcionará á Comisión Galega da Competencia un informe trimestral sobre a evolución dos prezos dos carburantes nas principais cidades galegas, o que permitirá dispoñer dunha radiografía clara deste sector a nivel autonómico e local e, polo tanto, saber en que zonas de Galicia existe maior competencia.
Este convenio recolle, tamén, a elaboración dunha guía de boas prácticas para a apertura de estacións de servizo co obxectivo de concienciar aos concellos para que non se inclúan restricións á competencia no sector dos carburantes en Galicia. Nesta mesma liña, a Xunta, dixo, buscará novas fórmulas para axilizar a tramitación dos proxectos.

Desenvolveranse, por outra banda, medidas de comunicación e información dirixidas a usuarios e consumidores para mellorar o seu coñecemento sobre a maneira de funcionar do mercado, resolvendo as dúbidas que poidan ter sobre a calidade do carburante distribuído na Comunidade por calquera operador.

En colaboración cos servizos técnicos da CNMC, reforzaranse as avaliacións para comprobar se no mercado galego existe un correcto cumprimento das condicións de subministración en exclusiva, así como a limitación de non superar o 30% da cota de mercado por operador e provincia.

Tanto a CNMC como a Xunta reforzan con este protocolo o seu compromiso de manterse vixiantes ante as prácticas empresariais que se producen neste mercado para detectar posibles incumprimentos da normativa vixente.

Segundo concretou, trátase de acurtar a diferenza de 10 puntos na porcentaxe de gasolineiras de servizo cooperativas e asociadas a grandes superficies, que en Galicia representan o 5,4% e en España o 15,3%. Tamén incrementar o número de gasolineiras automáticas, que na Comunidade suman o 1,5% do total fronte ao 5% do Estado. Con respecto ás operadoras con bandeira, destacou que representan arredor do 76% en Galicia, cando en España son o 68%.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.