A Xunta e a Deputación da Coruña aproban a xestión directa dos parques comarcais de bombeiros da provincia

O Consorcio Provincial para a Prestación do Servizo contra Incendios deu o visto bo á medida nun pleno celebrado esta mañá
Publicado por o día 13/09/2019 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta e a Deputación da Coruña aproban a xestión directa dos parques comarcais de bombeiros da provincia

O Consorcio Provincial para a Prestación do Servizo contra incendios e Salvamento da Coruña, integrado pola Xunta de Galicia e a Deputación, aprobou hoxe a xestión directa dos dez parques comarcais dependentes do organismo: Carballo, Arteixo, Arzúa, Ordes, Betanzos, As Pontes, Cee, Santa Comba e Ribeira.

A decisión tomouse nun Pleno do Consorcio, ao que asistiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva e o presidente da Deputación coruñesa, Valentín González Formoso e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro. O cambio de modelo entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2020.

En 2016 a Xunta estableceu unha vía de diálogo coas deputacións provinciais para definir o modelo de xestión dos parques dependentes dos consorcios provinciais. Así, as deputacións provinciais da Coruña, Pontevedra e Lugo avogaron por cambiar o modelo e pasalo a xestión directa.

A condición que puxo entón a Xunta foi que o paso da xestión indirecta á directa non supuxera un aumento do custe para as arcas autonómicas, que se garantisen os dereitos dos traballadores, que a prestación do servizo se manteña ou mellore e que as deputacións asumisen as consecuencias xurídicas e económicas que puideran derivarse do cambio de modelo.