A Xunta e a Fegamp avanzan na renovación da Axenda Social Única, que fixará os obxectivos en materia de inclusión para os próximos catro anos

Fabiola García destaca a importancia do diálogo e a colaboración entre administracións para axudar a todas as galegas e galegos en situación de vulnerabilidade
Publicado por o día 22/01/2021 na sección de Social,Xunta de Galicia

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, mantiveron unha reunión esta mañá para avanzar na renovación da Axenda Social Única 2021-2024. Un documento que será elaborado por ambas as dúas administracións, xunto coas entidades sociais de Galicia, e que marcará os obxectivos en materia inclusión para os próximos catro anos.

A anterior Axenda Social Única 2016-2020 permitiu a posta en marcha de iniciativas como o programa de vivendas baleiras, melloras no Bono de Alugueiro Social ou a ampliación do programa Reconduce. En total, este documento logrou materializar o 96% das súas iniciativas, para o que se investiron 162 millóns de euros.

Fabiola García destacou que, no actual contexto de pandemia sanitaria, a colaboración e coordinación entre administracións faise máis necesaria ca nunca e agradeceu a vontade de diálogo amosada pola Fegamp. Neste sentido, fixo fincapé na necesidade de contar canto antes cunha folla de ruta que axude a dar unha resposta áxil e inmediata ás necesidades sociais e económicas derivadas da covid-19. Por iso, agarda que este documento estea xa finalizado no primeiro semestre deste ano.