A Xunta e a Fundación Once únense para favorecer a accesibilidade universal no Camiño de Santiago

No marco deste proxecto, implementarase unha solución dixital para que persoas invidentes ou con problemas de visión poidan percorrer as etapas do Camiño Francés
Publicado por o día 03/01/2019 na sección de Turismo

A Xunta e a Fundación Once únense para favorecer a accesibilidade universal no Camiño de Santiago

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asinou esta mañá un convenio de colaboración co vicepresidente executivo da Fundación ONCE, Alberto Durán, para a cooperación e inclusión social de persoas con discapacidade co obxectivo de desenvolver a accesibilidade universal no Camiño de Santiago a través do proxecto Camino de Santiago: tu compañero del Camino. “Queremos que o Camiño de Santiago sexa unha experiencia inclusiva; que calquera persoa poida sentirse peregrino, adentrarse nas súas etapas e durmir nos seus albergues”, afirmou o conselleiro.

Este proxecto aplicarase no Camiño Francés ao longo do seu percorrido por España e Galicia é a primeira comunidade autónoma que asina este convenio.

Así, no marco deste acordo, implementarase unha solución dixital para mellorar a accesibilidade do percorrido para persoas invidentes ou con problemas de visión, a partir da dixitalización precisa dos percorridos asociados a cada unha das etapas do Camiño, a xeración de contidos dixitais accesibles asociados aos seus puntos de interese e a integración de ditos contidos dixitais cunha aplicación accesible de guiado sensorial. A finalidade deste traballo é que os usuarios dispoñan dunha aplicación móbil accesible capaz de guialos utilizando a información dixital dos percorridos, xerados con alta calidade e precisión, e ofrecerlles unha audiodescrición accesible dos puntos de interese para facilitarlles o desprazamento e a interacción cos elementos do entorno.

Ademais, desenvolverase unha versión accesible da aplicación do Instituto Geográfico Nacional do Camiño de Santiago para facilitar a empregabilidade e acceso de todas as persoas á información sobre certos recursos turísticos, así como un xestor de contidos web que permita a xestión da información turística proporcionada e a adición de novos recursos.

Este acordo, forma parte dun proxecto global da Fundación ONCE para o que destina máis de 300.000 euros e no que a Xunta aporta 24.200 euros. Así mesmo, enmárcase no Plan Director do Camiño de Santiago que identifica entre os retos da peregrinación xacobea a mellora da acollida ao peregrino para asegurar a satisfacción das súas necesidades a mellora da accesibilidade.

O titular do departamento autonómico agradeceu á Fundación ONCE a súa colaboración, destacando que “xuntos, derrubamos barreiras en favor da integración e facilitamos o acceso e a estancia a todos os peregrinos”.

Pola súa banda, o vicepresidente executivo de Fundación ONCE destacou a importancia de promover a accesibilidade universal no ámbito turístico e cultural, “un esforzo necesario para o desenvolvemento pleno das persoas con discapacidade e para a súa inserción real e efectiva na sociedade”, apuntou Alberto Durán.

Referentes do turismo inclusivo

O Plan de accesibilidade turística da Xunta de Galicia dedica un apartado específico ao Camiño de Santiago con sete liñas estratéxicas que se suman as catro coas que conta en xeral o destino Galicia. O documento proporciona ao destino e ao sector turístico galego o soporte e as ferramentas adecuadas para avanzar en cuestións de accesibilidade universal. Ademais das medidas físicas postas en marcha, no plan proponse deseñar produtos e rutas de turismo accesible, impulsar campañas de sensibilización para lograr a complicidade da sociedade e do sector, entre cuxos profesionais se promoverá a formación en lexislación sobre accesibilidade e atención ao cliente con diversidade funcional e necesidades diversas.

Cómpre destacar que a Xunta, en colaboración coa ONCE, leva instaladas máis de 1.600 placas e atrís que dispoñen de altorrelevos, braille e pictogramas, entre outras características, para que calquera peregrino poda guiarse de xeito independente polo interior e exterior dos albergues. Estes elementos instaláronse en todas as estancias: habitacións, aseos, duchas, cociña, comedores, salas comúns, tendais, zonas de paso restrinxido…

Así mesmo, baixo a marca Descubre o teu propio Camiño, o Camiño Francés ofrece a posibilidade de que peregrinos en cadeira de rodas poidan contratar un servizo para facer diversas etapas en Galicia e León. Esta iniciativa é resultado do proxecto europeo Saber Universal no que participa a Xunta e que se desenvolve no principal itinerario xacobeo e no camiño de San Benedito de Italia. En total, habilitáronse cinco paquetes para persoas con discapacidade visual, mobilidade reducida e público senior. No caso de Galicia, a viaxe vai dirixida a grupos mixtos, compostos por dúas persoas en cadeira de rodas que peregrinarán con handbikes eléctricas e híbridas, que adaptarán ao seu ritmo a peregrinación e irá acompañados de dúas ou tres persoas en bicicleta. Poderán sentir así a emoción final do Camiño de Santiago, cubrindo etapas entre León e Santiago de Compostela, con aloxamento en hoteis de tres estrelas, hostais e albergues accesibles.