A Xunta e a Fundación Secretariado Xitano colaboran para apoiar ás mulleres xitanas vítimas da violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o presidente da Fundación Secretariado Xitano, Pedro Puente, asinaron hoxe o convenio de colaboración
Publicado por o día 30/08/2019 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta e a Fundación Secretariado Xitano colaboran para apoiar ás mulleres xitanas vítimas da violencia de xénero

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, asinou hoxe un convenio de colaboración co presidente da Fundación Secretariado Gitano, Pedro Puente, que ten como obxectivo desenvolver un programa de prevención e sensibilización fronte á violencia de xénero e de apoio ás súas vítimas, entre a comunidade xitana de Galicia.

A Xunta investirá 50.000 euros neste acordo, unha contía que se inscribe dentro da execución do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Grazas a este orzamento, a Fundación Secretariado Gitano poderá mellorar a atención ás mulleres xitanas que sofren violencia de xénero en Galicia e sensibilizar e promover relacións igualitarias entre homes e mulleres da comunidade xitana, así como apoiar a formación dos profesionais do ámbito social no coñecemento e comprensión da realidade que viven as mulleres xitanas.

O programa integral de apoio ás mulleres xitanas vítimas da violencia de xénero inclúe medidas de atención a este colectivo como itinerarios sociopersoais para mellorar a situación de desvantaxe da muller xitana tanto pola variable de xénero como de etnia; o asesoramento e acompañamento ás mulleres aos recursos especializados e a posta en marcha de accións de sensibilización sobre igualdade de xénero en temas como o feminismo, as relacións igualitarias, a conciliación ou a violencia de xénero.

O convenio recolle tamén a adecuación dos recursos e servizos existentes para mellorar a atención a mulleres xitanas vítimas de violencia de xénero. No marco desta liña, está previsto elaborar unha análise de situación sobre as dificultades que teñen tanto as mulleres xitanas vítimas de violencia de xénero ou que están en risco de sufrila e os seus fillos e fillas; así como as profesionais que traballan nos servizos de atención a vítimas de violencia de xénero. Coas recomendacións deste informe crearanse espazos de coordinación interprofesional co fin de mellorar a atención ás vítimas e de rendibilizar recursos. Outra das liñas do acordo abarca accións de sensibilización sobre igualdade de xénero e prevención da violencia na comunidade xitana con materiais adaptados a distintos grupos de idade.