A Xunta e a USC colaboran para seguir mellorando o confort térmico nas aulas cunha ventilación óptima fronte á covid-19

O espazo web ventilacion.usc.es ofrecerá aos centros que o desexen pautas de renovación do aire compatibles con situacións meteorolóxicas desfavorables
Publicado por o día 04/01/2021 na sección de Coronavirus,Educación,Formación,Xunta de Galicia

A Xunta e a USC colaboran para seguir mellorando o confort térmico nas aulas cunha ventilación óptima fronte á covid-19

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o catedrático da Universidade de Santiago (USC), Jorge Mira, presentaron hoxe unha nova ferramenta informática que permitirá seguir mellorando o confort térmico nas aulas a través de pautas de ventilación adecuadas que optimizan o tempo necesario de renovación do aire.

Un equipo da Facultade de Física da USC, en colaboración coa Xunta de Galicia, desenvolveu o espazo web ventilacion.usc.es, unha aplicación online froito dun traballo de investigación académica que agora, coincidindo co inicio do segundo trimestre, se pon a disposición dos centros escolares de maneira voluntaria.

O obxectivo, como explicou o conselleiro en rolda de prensa, é optimizar o tempo de ventilación nas aulas -necesario para renovar o aire interior- en función das características propias dos centros escolares, tendo en conta a súa contorna e localización e as condicións climatolóxicas facilitadas por Meteogalicia. Desa maneira, mellorarase o confort térmico nas aulas durante os meses de inverno. Para iso, os investigadores establecen estratexias de ventilación baseadas nas instrucións aprobadas o pasado mes de outubro polo Comité Educativo co aval do Comité Clínico. Estas indicacións, en liña coas existentes no resto de España, sinalan a ventilación periódica como un elemento imprescindible na prevención fronte á covid-19.

Recomendacións xa testadas

A Xunta avanza así no obxectivo de traballar na máxima seguridade sanitaria posible e as mellores condicións de benestar para a actividade lectiva, algo que funcionou o pasado trimestre e que agora se ve mellorado con esta ferramenta complementaria de asesoramento aos equipos directivos, froito das achegas do eido universitario galego, a quen o conselleiro agradeceu o seu labor. Precisamente, xunto a Jorge Mira, participaron na presentación o vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Vicente Pérez, e Alberto Pérez, profesor da Facultade de Física da USC que desenvolve este proxecto e profesor asociado na Universidade de Harvard. Por parte de Meteogalicia, estivo presente a subdirectora xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Mari Luz Macho.

O sistema estará dispoñible desde o inicio deste trimestre e ata finais de curso no enderezo ventilacion.usc.es, onde calquera centro poderá dar de alta os seus datos cando o precise (só é necesario facelo unha vez) e, ao día seguinte, poderá empezar a descargar recomendacións de ventilación personalizadas.

Manexo sinxelo e asesoramento

A primeira vez que accedan ao sistema, deberán achegar os datos básicos das aulas para as que desexan obter recomendacións específicas (tipoloxía dentro dun menú despregable, localización, orientación xeográfica, superficie total e de ventilación, altura, media de alumnado, etc). A partir desa información, e cruzada coa predición meteorolóxica, obterán un resumo de datos así como pautas de ventilación.

Esta completa información permite adaptarse aos diferentes usos das aulas e mesmo a centros con horarios diferentes. Así mesmo, pode xerarse un informe en formato pdf para distribuílo entre o claustro de profesores ou nas diferentes aulas.

Partindo da obriga de abrir 15 minutos antes do inicio das clases, 5 minutos entre clases, durante a totalidade do recreo e 15 minutos ao final das clases, do modelo desenvolto por estes expertos da USC derívanse dúas estratexias posibles: unha ventilación a media clase (2 a 5 minutos cada 20 minutos aproximadamente) ou dúas ventilacións durante a clase (2 a 5 minutos cada 15 minutos aproximadamente). Isto permite optimizar os tempos de apertura ante situacións climatolóxicas desfavorables.