A Xunta e Clubtura deseñan o circuíto ‘Directos Xacobeo’21 en salas’ para a reactivación da música ao vivo en Galicia

A Consellería de Cultura e Turismo inviste 400.000 euros nesta nova iniciativa, inserida no plan autonómico para os sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid-19
Publicado por o día 18/06/2020 na sección de Cultura,Xunta de Galicia

A recuperación da actividade das salas privadas de concertos e dos profesionais galegos da música ao vivo no contexto poscovid-19 é a prioridade do novo programa Directos Xacobeo’21 en Salas, que a Xunta de Galicia pon en marcha xunto á Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura no marco do plan autonómico de reactivación dos sectores cultural e turístico. A Consellería de Cultura e Turismo financia integramente este ciclo, para o que conta cun orzamento de 400.000 euros a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Directos Xacobeo’21 en Salas desenvolverá entre os meses de xullo e outubro unha programación de ata 160 concertos protagonizada exclusivamente por solistas e grupos galegos de todos os estilos nun máximo de 40 salas das catro provincias, integrantes ou non da devandita asociación.

Tanto a capacidade como as condicións hixiénico-sanitarias de cada un dos eventos atenderá ao que, en cada momento, ditaminen as autoridades competentes para a celebración de espectáculos públicos. Ademais, todos eles serán gravados e editados para a súa retransmisión en liña a través de diferentes plataformas audiovisuais.

Tres convocatorias abertas

Clubtura encárgase da xestión do circuíto, para o que mantén abertas ata mañá as convocatorias dirixidas aos locais de música ao vivo interesados en participar e para o servizo de gravación e edición dos concertos. Pola súa banda, os solistas e grupos de música galegos poderán achegar as súas propostas ata o día 22 deste mesmo mes. As tres convocatorias están publicadas na web www.directosxacobeo.com, activada por Clubtura, onde tamén se poden consultar os requisitos de participación e as bases que rexerán o proceso para a selección dos locais, a contratación artística e o desenvolvemento da programación.

Poderán inscribirse todas as salas de concertos profesionais de Galicia que acrediten ter programado en 2019 un mínimo de 25 concertos con entrada de pago. No caso de presentarse máis de 40 candidatas, a selección das participantes realizarase seguindo un baremo de criterios obxectivos como o número de actuacións ofrecidas o ano pasado, os anos de traxectoria, a súa capacidade e a pertenza a unha asociación profesional.

A convocatoria garante, así mesmo, que Directos Xacobeo’21 en Salas financiará entre tres e catro concertos en cada un dos locais adheridos, de xeito que se prevé a celebración de entre 120 e 160 actuacións musicais no marco deste circuíto. Serán os propios responsables das salas os encargados de configurar os seus respectivos carteis a partir de todos os solistas ou bandas inscritas, tendo en conta ademais que cada proposta artística poderá contar cun máximo de dous concertos programados.