A Xunta e Concello de A Coruña analizarán a estrutura do edificio da Comandancia de Obras para a súa conversión en albergue

O xerente da Axencia de Turismo de Galicia, Emilio de la Iglesia e o concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, visitaron esta mañá as naves, agora municipais, da antiga sede oficial da Comandancia de Obras na avenida Metrosideiro
Publicado por o día 20/01/2021 na sección de Galicia,A Coruña,Xunta de Galicia

O xerente da Axencia de Turismo de Galicia, Emilio de la Iglesia e o concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, visitaron esta mañá as naves, agora municipais, da antiga sede oficial da Comandancia de Obras na avenida Metrosideiro, onde aseguraron que o emprazamento para o albergue é “idóneo” pola súa situación privilexiada, a poucos metros do Camiño Inglés e en pleno casco histórico

Acompañados por persoal técnico de Urbanismo tanto da Xunta como do Concello, ambos responsables analizaron a viabilidade técnica do inmoble, situado sobre a muralla defensiva da cidade, para transformalo nun albergue de Peregrinos, un servizo que estaría coordinado pola administración autonómica e mais pola municipal.

Emilio De la Iglesia, indicou que “o edificio é idóneo sempre e cando a súa estrutura se atope en bo estado. Pedímoslle ao Concello toda a información técnica que se teña do edificio e un anteproxecto do ano 2019”. Pola súa banda, o edil coruñés destacou que “a localización do edificio e a súa natureza converteríano nun gran reclamo turístico para as persoas que queren realizar o Camiño Inglés”.

Pola súa parte, as/os técnicas/os da Xunta aseguran que o emprazamento para o albergue é “idóneo” pola súa situación privilexiada, a poucos metros da ruta xacobea e en pleno casco histórico. Ademais, valoraron positivamente a reforma realizada nas naves parellas ao futuro albergue e que terán un uso xuvenil, o que lles ampliará a oferta de ocio aos peregrinos de se instalar alí o aloxamento.

O seguinte paso será confirmar a viabilidade estrutural do edificio de forma pormenorizada, polo que o persoal técnico da Xunta solicitou un anteproxecto de reforma recente que pode servir de base para o estudo e co que corroborarán se o inmoble é apto para a reforma.

A visita ao edificio de Metrosideiro tivo lugar tras o encontro da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en que ambos mandatarios coincidiron na necesidade de construíren un albergue de peregrinos que poña en valor o Camiño Inglés.

Imaxes relacionadas