A Xunta e Concello de Santiago acondicionarán como zona verde unha parcela de 1.700 m2 en Xoán XXIII antes de destinala á construción de vivendas protexidas

A conselleira Ángeles Vázquez e o rexedor compostelán Xosé Sánchez Bugallo asinaron esta mañá un protocolo de colaboración que dá cumprimento ao acordo acadado en 2019 para desbloquear a situación destes terreos, propiedade do IGVS
Publicado por o día 22/07/2020 na sección de Galicia,Santiago,Xunta de Galicia

A Xunta e Concello de Santiago acondicionarán como zona verde unha parcela de 1.700 m2 en Xoán XXIII antes de destinala á construción de vivendas protexidas

A Xunta de Galicia e o Concello de Santiago colaborarán para levar a cabo o acondicionamento como zona verde dunha parcela de máis de 1.700 metros cadrados localizada en Xoán XXIII. O acordo plasmouse esta mañá coa sinatura dun protocolo conxunto entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, en virtude do cal o departamento autonómico comprométese a levar a cabo o acondicionamento inicial dos terreos e o Concello, a asumir as tarefas de mantemento da nova zona axardinada.

Esta actuación permitirá desbloquear a situación urbanística desta parcela, propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e cunha localización privilexiada, xusto na porta de entrada ao casco histórico, a poucos metros da Praza do Obradoiro e ao carón da dársena de Xoán XXIII que moitos visitantes utilizan para chegar a Santiago.

Así o acordaran a conselleira e o rexedor na súa última xuntanza a finais do ano pasado, durante a que coincidiron na necesidade de acometer unha actuación inmediata nesta parcela mentres non se decida o seu futuro e se poida empezar a edificar.

O axardinamento da zona, de feito, será só unha primeira fase que permitirá así mesmo reducir o “impacto visual” nesta zona de cara ao Xacobeo 2021. O seguinte paso, como explicou Vázquez Mejuto, consistirá en determinar o futuro da parcela, aínda que partindo da premisa de que se destinará a ampliar o parque público residencial da cidade.

“Para acadar a solución definitiva é necesaria unha valoración técnica e económica, pero en todo caso o destino desta parcela será vivenda protexida”, subliñou a conselleira, quen se amosou confiada en que a liña de colaboración aberta entre Xunta e Concello nos últimos meses se manteña no futuro, “buscando sempre o mellor para Santiago e os seus veciños”.

Apoio ao proxecto Sionlla Biotech

Por último, a responsable autonómica de Medio Ambiente salientou o traballo realizado por ambas administracións co fin de impulsar políticas de vivenda na cidade que presten unha especial atención a aqueles colectivos con maiores dificultades.

Así, referiuse á recente licitación do contrato para construír 24 novas vivendas de promoción pública (VPP) no barrio do Castiñeiriño, ao tempo que agradeceu a actitude colaboradora do alcalde noutro tipo de iniciativas impulsadas pola Xunta, como o proxecto Sionlla Biotech, que busca atraer e fomentar a implantación no parque da Sionlla de novas empresas do sector tecnolóxico e da innovación dixital.

Comentar noticia

Your email address will not be published.