A Xunta e empresarios do ocio nocturno crean unha mesa de traballo que analizará semanalmente os datos sanitarios de cara a reactivar o sector

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiveron esta tarde unha reunión por videoconferencia con representantes do sector
Publicado por o día 14/09/2020 na sección de Economía,Salud,Sanidad,Xunta de Galicia

A Xunta e empresarios do ocio nocturno crean unha mesa de traballo que analizará semanalmente os datos sanitarios de cara a reactivar o sector

A Xunta e os empresarios de ocio nocturno acordaron hoxe constituír unha mesa de traballo para avanzar de maneira conxunta no protocolo de reactivación do sector cando a situación sanitaria o permita.

Neste grupo de traballo analizaranse de forma semanal os datos sanitarios sobre a evolución epidemiolóxica da covid-19 e estableceranse as condicións e as fases para que a reapertura dos locais se poida realizar con tódalas garantías de seguridade cando estea permitida. As medidas adoptadas no marco desta mesa de traballo levaranse a cabo en coordinación co comité clínico.

Esta decisión acordouse na reunión de hoxe na que participaron o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Tamén asistiron representantes da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e da Dirección Xeral de Saúde Pública.

No ámbito económico, o Goberno galego tamén lle trasladou aos empresarios do ocio nocturno os mecanismos de apoio en materia de financiamento que pode poñer á súa disposición para contribuír a paliar os efectos económicos da pandemia no sector.

A Xunta continúa así en diálogo constante cos representantes do sector para escoitar as súas demandas e coa máxima colaboración para comezar a traballar na súa reactivación cumprindo as restricións sanitarias establecidas para frear a epidemia de coronavirus.

Froito desta colaboración, a Administración autonómica dou resposta a semana pasada a un dos compromisos adquiridos nos últimos encontros en canto á apertura das terrazas destes locais antes de que poidan reabrir o seu espazo interior. Así, segundo recolle o Diario Oficial de Galicia, desde o pasado venres estas terrazas poden abrir cun aforo máximo do 75% e só se pode realizar o consumo e o servizo en mesa. As mesas terán unha ocupación máxima de 10 persoas e o horario de peche será ás 01.00 horas, sen que poida permitirse o acceso a ningún cliente desde as 00.00 horas.

Cómpre lembrar que o peche dos establecementos de ocio nocturno, isto é discotecas, salas de baile e bares de copas, foi aprobado para o conxunto de España polo Ministerio de Sanidade, en coordinación coas comunidades autónomas, para conter o avance do virus e primando a seguridade sanitaria.

Comentar noticia

Your email address will not be published.