A Xunta e Inta reforzan a súa colaboración para impulsar a industria aeronáutica en Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitaron hoxe a sede en Madrid do Instituto de Técnica Aeroespacial
Publicado por o día 24/09/2018 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta e Inta reforzan a súa colaboración para impulsar a industria aeronáutica en Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, visitaron hoxe en Madrid a sede do Instituto de Técnica Aeroespacial (INTA), onde mantiveron un encontro co director xeral deste organismo, o tenente xeneral José María Salom Piqueres, co obxectivo de estudar novos ámbitos de traballo conxunto, así como coñecer as instalacións do centro e as súas capacidades a nivel aeronáutico.

Así, na reunión sinalouse a importancia de potenciar as instalacións do Centro Mixto de Investigación Aerotransportada (CIAR) de Rozas, no que colaboran a Xunta e o Estado, como un referente europeo na I+D+i, buscando atraer novos proxectos a estas instalacións ao tempo que se continúan a desenvolver as iniciativas previstas arredor do polo tecnolóxico e industrial de vehículos non tripulados.

No encontro tamén se avaliou a boa marcha deste polo, no que se están a mobilizar 150 millóns de euros entre investimentos públicos e privados, tanto a través do programa de I+D, con Indra e Babcock como socios estratéxicos, como co programa de solucións, que busca a través da compra pública innovadora potenciar os servizos públicos co uso de avións non tripulados.

No marco desta iniciativa, vaise poñer en marcha unha nova aceleradora galega centrada no sector aeronáutico na que xa está previsto mobilizar, como mínimo, 4,75 millóns de euros ata o 31 de decembro de 2021. Esta aceleradora, autorizada o pasado xoves polo Consello da Xunta, poñerase en marcha en Lugo grazas á colaboración da Xunta coa Fundación CEL – Iniciativas por Lugo, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e as empresas Indra e Babcock, unha incubadora á que se poderán adherir novas entidades para potenciar a colaboración público-privada no polo de Rozas.

O obxectivo é crear e acelerar compañías innovadoras na cadea de valor do sector aeronáutico da Comunidade capaces de captar, atraer e reter talento, contribuíndo a fortalecer o posicionamento de Galicia e incrementar a súa proxección internacional neste eido. En concreto, a través das tres convocatorias previstas, apoiaranse 19 proxectos empresariais innovadores no ámbito aeronáutico galego, o que permitirá xerar 60 postos de traballo.