A Xunta e La Caixa reforzan a colaboración entre ambas institucións en materia social e cultural

O convenio reafirma e intensifica a colaboración para mellorar as condicións de vida dos menores cuxas familias estean nunha situación vulnerable, das persoas maiores e dos colectivos con necesidades especiais afectados por enfermidades
Publicado por o día 04/09/2019 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta e La Caixa reforzan a colaboración entre ambas institucións en materia social e cultural

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Fundación Bancaria “la Caixa”, Isidro Fainé, reforzaron hoxe a colaboración entre ambas institucións en materia social e cultural, a través da sinatura dun convenio firmado esta mañá co obxectivo, entre outros aspectos, de contribuír a mellorar o benestar dos colectivos máis desfavorecidos.

Cunha achega de 10,5 millóns de euros para 2019, o convenio reafirma e intensifica a colaboración coa Administración autonómica galega para mellorar as condicións de vida dos menores cuxas familias estean nunha situación vulnerable, das persoas maiores e dos colectivos con necesidades especiais afectados por enfermidades, así como contribuír ao benestar de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión.

Ademais destas liñas de actuación, o acordo tamén contempla accións nos ámbitos educativos e de investigación, e no eido cultural. Sobre este último punto, cómpre salientar que, a maiores do convenio asinado hoxe, a entidade asumiu o compromiso de materializar un novo convenio antes de que remate o ano para impulsar diferentes iniciativas conxuntas no marco do Xacobeo 2021.

Xunto aos programas de vivenda social, cunha oferta de pisos de aluguer a prezos inferiores aos do mercado -133 pisos sociais en toda a comunidade-, no eido do emprego o documento recolle o obxectivo de fomentar a inserción laboral de colectivos con dificultades especiais para atopar traballo, como persoas con discapacidade, parados de longa duración, mozos en risco de exclusión, mulleres vítimas de violencia de xénero e inmigrantes, entre outros.

Por outra banda, seguiranse a impulsar tamén o achegamento das humanidades, as artes escénicas e a música a todos os cidadáns, a través da organización de eventos como exposicións ou concertos.