A Xunta e o Goberno de Portugal acordan impulsar conxuntamente a renovación estrutural da ponte internacional entre Salvaterra de Miño e Monçao e a súa ampliación para instalar un carril bici

Ambas as dúas administracións fixan unha folla de ruta para actuar na ponte, que o vindeiro ano cumprirá 25 anos e rexistra cada día o paso de máis de 9.000 vehículos
Publicado por o día 07/10/2019 na sección de Galicia,Oporto,Portugal,Xunta de Galicia

A Xunta e o Goberno de Portugal acordan impulsar conxuntamente a renovación estrutural da ponte internacional entre Salvaterra de Miño e Monçao e a súa ampliación para instalar un carril bici

A Xunta de Galicia e o Goberno portugués acordaron hoxe impulsar conxuntamente a renovación estrutural da ponte internacional que une Salvaterra de Miño e a localidade lusa de Monçao.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reuniuse hoxe no Porto co vicepresidente da empresa pública Infraestruturas de Portugal, José Serrano Gordo, nun encontro no que se decidiu iniciar a tramitación dun convenio internacional para a reforma da ponte e a súa posterior ampliación para instalar un carril bici.

Na reunión tamén participaron o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, e o presidente da Cámara Municipal de Monçao, António Barbosa.

De acordo co traballo técnico previo que se vén desenvolvendo e ambos os dous lados da fronteira, a Xunta e o Goberno luso fixaron hoxe unha folla de ruta para acometer a necesaria mellora da ponte internacional, que o vindeiro ano cumprirá 25 anos e rexistra cada día o paso de máis de 9.000 vehículos.

O convenio que tramitarán o Goberno galego e Infraestruturas de Portugal permitirá acometer obras de reforma estrutural na ponte por un importe de case 700.000 euros, que financiarán ao 50% ambas as dúas administracións. Paralelamente, comezará a traballarse na redacción do proxecto construtivo para ampliar a estrutura e dotala dun carril bici.

Esta ponte, recentemente bautizada como Ponte Joâo Verde e Amador Saavedra, en honor aos poetas das dúas beiras do Miño que escribiron sobre a unión das vilas, celebrará as súas vodas de prata en marzo de 2020.

Na actualidade, os veciños de Monçao e Salvaterra comparten servizos, espazos de lecer, infraestruturas e tamén as vantaxes funcionais de ser unha pequena eurocidade. Neste sentido, hai que seguir avanzando e facilitando o seu día a día a través de proxectos como este de mellora da ponte.

O Goberno galego e Infraestruturas de Portugal coinciden na importancia de potenciar as relacións na Eurorrexión a través das Infraestruturas de comunicación, o que incide no progreso económico e na calidade de vida.

Na reunión, a conselleira de Infraestruturas tamén trasladou o compromiso da Xunta coa mellora das comunicacións co Norte de Portugal, e manifestou a súa confianza en que o vindeiro Goberno de España comparta esa aposta e aproveite os mecanismos de financiamento europeo para impulsar a saída sur de Vigo ou unha nova conexión por autovía que lle dea acceso á poboación do país veciño á liña do AVE entre Galicia e Madrid.

Comentar noticia

Your email address will not be published.