O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro co novo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, no que ambos subliñaron a necesidade de traballar man a man para impulsar a reactivación económica desde o diálogo e a colaboración, detectando novas oportunidades, sinalando que o porto vigués “está chamado a ser un protagonista principal”.
A xuntanza celebrada en Vigo forma parte da rolda de contactos do Goberno galego cos axentes económicos e sociais para identificar conxuntamente proxectos que Galicia poida presentar aos fondos europeos de reconstrución Next Generation. Neste eido, Conde puxo o foco na transformación dixital e nas enerxías renovables, ámbitos nos que o Porto de Vigo leva tempo traballando, dando resposta ás necesidades das empresas usuarias que abranguen sectores estratéxicos da economía galega como a automoción, a pesca, a construción e a reparación naval, a pedra natural e o sector de cruceiros, entre outros.
O vicepresidente económico resaltou que os fondos europeos poden supoñer un verdadeiro revulsivo para adaptar de forma máis rápida as infraestruturas portuarias aos obxectivos de crecemento sustentable, contribuíndo a que os portos sigan xerando valor económico, social e ambiental. Neste sentido, indicou que o Porto de Vigo ten ante si unha dobre oportunidade para escalar na súa estratexia de situarse á cabeza dos portos azuis españois e europeos e contribuír ao desenvolvemento económico e industrial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Conde, que subliñou que o porto vigués é un importante motor económico, apuntou que vai ser clave mellorar a capacidade loxística e a intermodalidade marítimo-terrestre do porto a través do Corredor Atlántico, polo que é indispensable que o Goberno priorice esta infraestrutura en Galicia coa construción da saída sur que permitiría mellorar as conexións con Portugal e levar o tren ata Bouzas. Ademais, apuntou que a Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves (Plisan) pode resultar tamén fundamental nesta estratexia, destacando a iniciativa que está a desenvolver Albo.
O vicepresidente económico fixo fincapé en que Xunta e Porto de Vigo “compartimos unha mesma visión, o reto de facer fronte á pandemia sanitaria e tamén o reto de facer fronte á reactivación económica, e para iso necesitamos seguir traballando sobre o fundamento do diálogo e da cooperación, e de identificar todas as oportunidades que nos permitan dar esa resposta ao tecido produtivo”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.