A Xunta e os concellos da área da Coruña acordan por unanimidade renovar para 2020 o Plan de Transporte Metropolitano, cun orzamento de máis de 4 millóns de euros

A Área de Transporte Metropolitano da Coruña consta dos concellos da Coruña, Abegondo, Arteixo, A Laracha, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carballo, Carral, Cerceda, Culleredo, Curtis, Miño, Oleiros, Ordes, Oza-Cesuras e Sada
Por o 18/03/2019 | Sección: A Coruña,Galicia
A Xunta e os concellos da área da Coruña acordan por unanimidade renovar para 2020 o Plan de Transporte Metropolitano, cun orzamento de máis de 4 millóns de euros

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou hoxe na Comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano da Coruña, que acordou por unanimidade a renovación do Plan para o ano 2020, cun orzamento de preto de máis de 4 millóns de euros.

Segundo este acordo, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade achegará 3,5 millóns de euros, correspondéndolles ao conxunto dos 17 concellos integrantes da área de transporte preto de 553.000 euros.

Este plan permite viaxar na área da Coruña a través dun sistema de billete único e da coordinación entre o transporte interurbano e o bus urbano. Os usuarios que aboan as viaxes coa tarxeta de Transporte Metropolitano de Galicia acceden a descontos nas viaxes interurbanas e dispoñen de gratuidade nos transbordos co transporte urbano.

O convenio prorrogado hoxe supón tamén descontos adicionais do 15% para os usuarios recorrentes, é dicir, aqueles que realizan máis de 40 viaxes ao mes, e bonificacións para membros de familias numerosas, de entre o 20% e o 50% en función da categoría.

Ademais, os menores de 19 anos tamén poden viaxar de balde empregando a tarxeta Xente Nova.

A Área de Transporte Metropolitano da Coruña está integrada por un total de 17 concellos: A Coruña, Abegondo, Arteixo, A Laracha, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carballo, Carral, Cerceda, Culleredo, Curtis, Miño, Oleiros, Ordes, Oza-Cesuras e Sada.

O Plan de Transporte Metropolitano de Galicia está a funcionar actualmente nas áreas de Ferrol, Santiago, Lugo, Vigo e A Coruña, con 65 concellos incorporados.

Comentar noticia

Your email address will not be published.