A Xunta e UFD colaborarán para mellorar a coordinación e a comunicación en situacións de emerxencia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe un convenio de colaboración neste sentido co director de UFD (distribuidora eléctrica de Natugy), Raúl Suárez
Por o 26/06/2019 | Sección: Xunta de Galicia
A Xunta e UFD colaborarán para mellorar a coordinación e a comunicación en situacións de emerxencia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o director de UFD (distribuidora eléctrica de Nartugy), Raúl Suárez, asinaron hoxe un convenio de colaboración que ten como obxectivo mellorar e optimizar a coordinación e a comunicación en situacións de emerxencias que afecten ás instalacións ou aos usuarios da redes desta distribuidora.

O acordo establece que se habilitarán canles de comunicación bilaterais e prioritarios entre os centros de xestión de emerxencias de UFD e a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) para garantir unha información fluída naqueles casos que afecten a UFD e sexa necesaria a intervención de servizos externos de emerxencias.

Así, o 112 informará a UFD das urxencias e emerxencias das que teña coñecemento que se produciron nas súas instalacións ou no seu ámbito de distribución e nas que presumiblemente teña que intervir UFD. Da mesma forma, UFD facilitará a información necesaria para realizar un seguimento inmediato das incidencias.

As canles de comunicación permanecerán abertas as 24 horas do día e todos os días do ano para que a resposta que se dea ás situacións de emerxencia sexa inmediata e áxil.

A mellora da comunicación de incidencias será especialmente útil en casos nos que a subministración de electricidade teña unha repercusión relevante ou afecte a servizos esenciais. Segundo o convenio, prestarase especial atención aos edificios administrativos considerados estratéxicos e de atención prioritaria ante posibles incidencias na subministración eléctrica (hospitais, residencias…).

A colaboración será tamén fundamental para emerxencias de carácter extraordinario pola súa extensión ou intensidade. Nestes supostos, UFD poñerá os medios humanos materiais necesarios para resolver as incidencias que se produzan no seu ámbito de actuación e manterá informado ao 112 das actuacións que se leven a cabo. Do mesmo xeito, a Axega coordinará os medios necesarios para facilitar o acceso dos equipos de UFD a zonas máis remotas cando se considere necesario.

Ademais, inclúese no acordo a elaboración de protocolos para a actuación conxunta en materia de comunicación, prevención e intervención en materia de emerxencias e protección cidadá. Do mesmo xeito, a Axega e UFD intercambiarán visitas ás súas instalacións principais e acordarán as accións formativas necesarias para o coñecemento das mesmas, de formas que os membros dos servizos externos de emerxencias e da UFD obteñan a máxima eficiencia na coordinación operativa. Nesta mesma liña de mellora da cooperación, está previsto tamén a realización periódica de simulacros para poñer en práctica todos os protocolos de actuación que se elaboren ao abeiro do acordo asinado hoxe.

Comentar noticia

Your email address will not be published.