A Xunta enmarca os bos resultados exportadores dos viños das Rías Baixas no pulo acadado polo sector vitivinícola galego

José González puxo en valor o labor do Consello Regulador, dos viticultores e dos adegueiros por acadar estas cifras de exportacións, que consolidan esta denominación de orixe como a de maior proxección exterior de Galicia
Publicado por o día 06/11/2019 na sección de Agricultura e Gandería,Xunta de Galicia

A Xunta enmarca os bos resultados exportadores dos viños das Rías Baixas no pulo acadado polo sector vitivinícola galego

O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou hoxe os bos datos de exportacións rexistrados pola Denominación de Orixe Rías Baixas na última campaña, tanto en volume de produción comercializada como en valor estimado. Así, o viño vendido no exterior por esta DO superou en case o 9% a cifra da anterior campaña, chegando a 7,8 millóns de litros e o seu valor incrementouse por riba do 12,5% ata acadar os 43,7 millóns de euros. O conselleiro participou hoxe na presentación destes resultados en compañía do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e do presidente do Consello Regulador de Rías Baixas, Juan Gil de Araujo.

Na súa intervención, José González felicitou o Consello Regulador, os viticultores e os adegueiros de Rías Baixas por estas cifras de exportacións, que -dixo- consolidan a esta denominación de orixe como a de maior proxección exterior de Galicia e puxo en valor, como dato relevante, o feito de que esta DO ocupe o terceiro lugar dentro de España en volume de exportacións aos Estados Unidos.

Segundo o conselleiro, este crecemento vén confirmar que “as cousas se están a facer moi ben e non só nesta denominación, senón, en xeral, en todo o sector vitivinícola galego”. Para seguir avanzando nesta senda, lembrou que a Xunta está a impulsar a Estratexia de dinamización das comarcas vitivinícolas da nosa comunidade e sinalou que estes traballos, coordinados pola Fundación Juana de Vega, avanzan a bo ritmo.

Desenvolvemento territorial

O que se persegue con esta estratexia, indicou González, é lograr un desenvolvemento territorial integrado, coordinado e consensuado, que conte con todos os axentes clave do territorio, para mellorar o posicionamento dos viños galegos no seu conxunto, tamén, de maneira especial, nos mercados exteriores e reforzar a imaxe de marca e identidade vinculada aos diversos territorios, que -salientou- “no caso de Rías Baixas é máis que evidente”.

O conselleiro aseverou que outro obxectivo desta actuación é optimizar a eficacia da promoción e comercialización de produtos turísticos vinculados ao sector vitivinícola. Neste caso de Rías Baixas estamos diante dun dos xeodestinos máis potentes de Galicia, polo que estas sinerxías son tamén evidentes, remarcou.

Así, José González vinculou estes labores, que se están a levar a cabo, co concepto de calidade, que forma parte (xunto coa prevención e a recuperación) dos tres eixos fundamentais da Consellería do Medio Rural para “facer do agro galego un lugar cobizado para vivir, rendible e seguro”.

No que atinxe á calidade en particular, o conselleiro dixo que Galicia conta cunha “ferramenta moi importante, que estamos a potenciar”, como é a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). Esta entidade céntrase no fomento da produción agroalimentaria -e moi especialmente da acollida a algunha denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida, como é o caso dos viños de Rías Baixas- e na divulgación entre os consumidores, tanto nacionais como internacionais, do seu coñecemento, para incrementar o seu consumo.

Fomento do consumo

Este apoio ás producións alimentarias de calidade tradúcese en dúas liñas fundamentais de actuación, que son a realización de actividades de certificación e control, en coordinación cos consellos reguladores, e as actuacións para fomentar o consumo, mediante accións directas. Neste caso destacan as catas-concurso de viños e queixos e liñas de axudas aos consellos reguladores para facer promoción e para a xestión xeral de cada denominación e do control da produción.

O conselleiro engadiu que a todo isto cómpre sumar os apoios públicos específicos para a industria do viño, tanto para a mellora das instalacións de elaboración e comercialización como para medidas de promoción en países terceiros e, así mesmo, os traballos, xa iniciados, de actualización do Rexistro Vitícola de Galicia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.