A Xunta enxalza a excelencia dos productos do mar e o bo facer de Galicia no seu tratamento para darlle valor engadido

A Consellería do Mar participa un ano máis neste evento, no que conta cun posto de case 400 metros cadrados que integra a 22 entidades expositoras, mentres que a Consellería de Medio Rural acolle no seu ‘stand’ a 23 empresas
Por o 08/04/2019 | Sección: Mar
A Xunta enxalza a excelencia dos productos do mar e o bo facer de Galicia no seu tratamento para darlle valor engadido

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu hoxe á inauguración do Salón Gourmets, un encontro de referencia no sector dos produtos de alimentación e bebidas delicatessen no que o Executivo galego está presente para enxalzar “a excelencia dos produtos galegos” e intercambiar experiencias con outros países “sobre novas tendencias e retos de mercado nos produtos de calidade”. No caso dos recursos pesqueiros, a titular de Mar, explicou que o obxectivo é difundir “a calidade da despensa que é o noso mar e o bo saber facer de Galicia no seu tratamento para darlle valor engadido”.

Con esta finalidade, a Consellería do Mar está presente un ano máis neste evento cun posto de preto de 400 metros cadrados dividido en dúas illas e que integra a 22 entidades expositoras. A elas súmanse outras empresas galegas que acoden de xeito independente a esta feira de alimentación.

Entre as actividades programadas no stand están as degustacións de produtos do mar galegos, que este ano contan coa novidade do formato Galicia comparte mesa, no que os comensais se sentan como se estivesen nun restaurante. A esta acción súmanse outras catas programadas de conservas de peixes e mariscos, mexillón de Galicia e de especies amparadas polo selo pescadeRías mediante elaboracións preparadas por cociñeiros como Emma Pinal, Diego López, Rubén González, Criselda Iglesias e Kike Piñeiro.

O posto da Consellería do Mar tamén inclúe un centro de negocios, no que se fomentan contactos e entrevistas personalizadas para as empresas adheridas ao servizo, e unha zona de promoción do mar de Galicia. Neste espazo de información e recepción institucional inclúese a actividade O noso mar, marca 360º, na que os visitantes poden desfrutar de estampas da vida mariñeira de Galicia grazas a unha aplicación de realidade virtual.

A presenza da Xunta no Salón Gourmets complétase coa participación da Consellería de Medio Rural, que conta cun posto no que están incluídas 23 empresas ou entidades expositoras. A maiores, outras dez empresas acoden á feira de xeito independente. Precisamente, o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, acudirá mañá ao evento para apoiar ás empresas galegas deste eido.

Salón Gourmets

O Salón Gourmets naceu no ano 1987 coa vocación de ser o escenario de produtos de alimentación e bebidas delicatessen e o obxectivo de promover os seus valores diferenciais. Na actualidade é o principal evento europeo destas características e a edición deste ano, a número 33, celébrase entre hoxe e o xoves.

Comentar noticia

Your email address will not be published.