A Xunta enxalza o porto de Vigo como referente mundial en prácticas exemplarizantes, peiraos sustentables e pesca azul

O Executivo autonómico destaca que Galicia lidera a filosofía da política marítima europea co obxectivo de servir de modelo a outros portos
Publicado por o día 07/06/2019 na sección de Galicia,Mar,Vigo

A Xunta enxalza o porto de Vigo como referente mundial en prácticas exemplarizantes, peiraos sustentables e pesca azul

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou hoxe o porto de Vigo como principal referente mundial en canto a prácticas exemplarizantes, peiraos sustentables e pesca azul durante a clausura do seminario Global Stock-Taking and Best Practices. No evento, promovido pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), a titular de Mar incidiu en que Galicia é “o gran peirao pesqueiro europeo” mentres que Vigo é “o polo de excelencia internacional da pesca”.

Neste senso, a representante do Executivo galego lembrou o traballo desenvolvido polo porto de Vigo no marco da estratexia de crecemento azul e o seu papel de referente. “Lidera a filosofía da política marítima europea co obxectivo de servir de modelo a outros portos e nel conflúen os actores claves socioeconómicos da vida marítima e as infraestruturas portuarias máis vangardistas”, salientou Rosa Quintana.

A conselleira do Mar explicou que o Plan Blue Growth de Vigo supón recoñecer a importancia do mar como motor da economía europea, cun gran potencial innovador e de crecemento, e inclúe iniciativas para aumentar o emprego e a riqueza vencellada ao mar de xeito sustentable e respectuoso co medio ambiente. Nesta liña, destacou os proxectos Vigo polo excelencia internacional de pesca e Lonja 4.0.

A primeira destas iniciativas está centrada en ofrecer aos consumidores produtos respectuosos co medio ambiente e de calidade ao tempo que aposta por mostrar a imaxe socialmente responsable da frota pesqueira. “Introduce tamén melloras como a etiquetaxe ecolóxica dos produtos e pon en valor todos os esforzos e iniciativas sustentables que desenvolve o sector”, resumiu Rosa Quintana.

“Pero a iniciativa máis digna de mención deste proxecto é a creación dunha rede de portos pesqueiros azuis, xurdida como resultado do encontro do Comité de Pesca da FAO celebrado en xullo de 2018”, salientou a titular de Mar durante a súa intervención. Entre os resultados que busca esta acción para os portos pesqueiros están a conservación do medio ambiente, a obtención de beneficios sociais e o crecemento económico, o que culminará nun inventario global dos principais portos pesqueiros azuis e unha guía de boas prácticas para eles.

Mentres, o proxecto Lonja 4.0 recorre ás novas tecnoloxías para optimizar a actividade pesqueira. Entre os seus beneficios inclúese a mellora da trazabilidade dos produtos mediante o control da información das capturas, transaccións e vendas e a optimización dos recursos enerxéticos e a loxística así como melloras na calidade última dos produtos.

“Estes proxectos favorecen unha adaptación áxil ás demandas do mercado e, con estas e outras iniciativas, estamos conseguindo alcanzar o obxectivo de ter un porto conectado, innovador, verde e inclusivo”, enxalzou a conselleira do Mar, que concluíu que a finalidade deste tipo de xornadas e proxectos é “maximizar os beneficios socioeconómicos vencellados ao ámbito portuario e reducir ao mínimo a degradación do medio mariño”.

O seminario ‘Global Stock-Taking and Best Practices’

Este encontro organizado pola FAO é a primeira reunión internacional sobre portos de pesca azul no que expertos de distintos países de todo o mundo buscan elaborar un inventario global dos principais portos pesqueiros verdes, priorizar as accións necesarias para que os portos pesqueiros sustentables brinden beneficios ambientais, sociais e económicos e redactar os compoñentes xerais das mellores prácticas para os portos de pesca azul. Con estes traballos agárdase contar cunha guía para o deseño e implantación da Estratexia de Crecemento Azul e unha rede de peiraos de pesca azul.

Comentar noticia

Your email address will not be published.