A Xunta esgota, nos dous primeiros días, o crédito para as axudas dirixidas a particulares destinadas a proxectos de uso térmico con biomasa, aerotermia e solar térmica

O luns abriuse o prazo para acceder tanto aos apoios para instalacións de enerxías renovables de uso térmico -nas que aínda quedan fondos para iniciativas con xeotermia- como para autoconsumo, que xa recibiu 314 solicitudes
Publicado por o día 17/04/2019 na sección de Economía,Xunta de Galicia

A Xunta esgota, nos dous primeiros días, o crédito para as axudas dirixidas a particulares destinadas a proxectos de uso térmico con biomasa, aerotermia e solar térmica

A Xunta esgotou, nos dous primeiros días de prazo, o crédito para as axudas dirixidas a particulares destinadas á realización de proxectos de uso térmico con biomasa, aerotermia e solar térmica. O pasado luns, 15 de abril, abriuse a convocatoria para acceder tanto aos apoios para instalacións de enerxías renovables de uso térmica -nas que aínda quedan fondos para as iniciativas con xeotermia- como para as axudas para proxectos de enerxía fotovoltaica.

No caso das axudas para proxectos de enerxías renovables de uso térmico, contan cun orzamento de 2,5M€. En concreto, 0,5M€ para instalacións de aerotermia (que se esgotaron ao chegar ás 164 solicitudes); 1M€ para biomasa (que se cubriron con 530 solicitudes); 50.000 euros para solar térmica (que se esgotou ao recibir a 20ª solicitude) e 956.000 euros para xeotermia, unha liña de axudas para a que, tras 80 solicitudes, aínda quedan fondos.

A través deste programa, apóiase a instalación de estufas de aire, cociñas calefactoras, cambio de queimadores, paneis solares térmicos, bombas de calor ou caldeiras que, no caso da biomasa, se destinarán a zonas densamente poboadas (xa que para as outras zonas xa se convocou este ano unha orde específica). A axuda é do 50% cunha contía de 60.000 euros como máximo por proxecto. Agárdase mobilizar 5M€ e a xeración duns 50 empregos para desenvolver estes proxectos.

No caso das axudas para proxectos de enerxía fotovoltaica, tamén destinados a particulares, xa se recibiron un total de 314 solicitudes e aínda queda crédito ata chegar ao orzamento previsto nesta convocatoria, 1,45M€. Neste caso, as axudas están dirixidas a instalacións para a xeración de electricidade mediante paneis fotovoltaicos. Os apoios serán do 50% e a contía máxima por proxecto de 50.000 euros.

Estas axudas forman parte do compromiso da Xunta por achegar a cidadáns, empresas e administracións a cultura da eficiencia e do aforro enerxético e súmanse as axudas que xa se convocaron en 2019, como os apoios para a instalación de caldeiras de biomasa para familias e comunidades de propietarios en zonas non densamente poboadas; o programa destinado a empresas e autónomos do sector servizos e industria para a realización de auditorías enerxéticas e implantación de sistemas de xestión e proxectos de aforro e eficiencia; ou a liña para impulsar as enerxías renovables e a eficiencia enerxética no sector agrícola primario.

A boa resposta que están tendo as convocatorias é unha mostra da aposta e implicación dos galegos pola eficiencia e polo aforro enerxético. A Xunta destaca tamén a colaboración das entidades adheridas que, sumando estas dúas convocatorias, chegan a un total de 653.

Comentar noticia

Your email address will not be published.