A Xunta esixe probas PCR ás persoas que traballan nas granxas de visóns e analiza periodicamente mostras dos animais

O conselleiro de Sanidade subliña que as 25 granxas de visóns con animais presentes contabilizadas no Rexistro de Explotacións Gandeiras de Galicia permanecen baixo vixilancia activa por mor da covid-19
Publicado por o día 10/12/2020 na sección de Coronavirus,Galicia

A Xunta esixe probas PCR ás persoas que traballan nas granxas de visóns e analiza periodicamente mostras dos animais

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, salientou esta tarde no Parlamento de Galicia que todas as explotacións de visóns rexistradas na comunidade galega, e con animais presentes, permanecen sometidas a vixilancia activa.

Durante a súa intervención, o titular de Sanidade destacou que, desde o momento en que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación comunicou oficialmente que estes animais podían actuar como vector de infección, os servizos oficiais de veterinaria da Xunta de Galicia contactaron de inmediato cos responsables do sector peleteiro para obter información detallada sobre a situación das granxas galegas, en relación coa enfermidade.

Así, e dun xeito coordinado, ámbalas dúas administracións estableceron un conxunto de medidas encamiñadas a prever e controlar unha posible circulación da covid-19 no interior das granxas de visóns. Neste senso, e tras a aprobación do Centro de Coordinación e Alertas e Emerxencias Sanitaria do Ministerio de Sanidade, o Goberno de España definiu un programa de carácter estatal para abordar a posible incidencia do coronavirus nos criadeiros de visón americano que a Xunta cumpre “escrupulosamente”.

Xunto con esta actuación, a Xunta de Galicia tamén informou ás persoas titulares das explotacións de visón americano da necesidade de incrementar as medidas de prevención no seu labor diario, co ánimo de atallar unha posible transmisión do virus Sars-COV-2 desde os humanos aos animais.

Pero ademais das accións recollidas no programa común para todo o Estado, a Xunta tomou a decisión de complementar e ampliar as medidas de prevención mediante un traballo colaborativo realizado entre o Servizo de Sanidade Animal da Consellería de Medio Rural e o Servizo de Epidemioloxía da Consellería de Sanidade. Deste xeito, estableceuse a realización dun seguimento periódico á totalidade das granxas de visón activas en Galicia, polo que, dun xeito cíclico, tómanse mostras aos animais para a súa posterior análise no Laboratorio de Sanidade e Produción Animal, unha vixilancia activa non prevista polo programa estatal pero que as autoridades sanitarias galegas decidiron realizar.

García Comesaña remarcou que as 25 explotacións que contan na actualidade con animais presentes, e que están dadas de alta no Rexistro de Explotacións Gandeiras de Galicia, “seguirán a estar sometidas a vixilancia activa”, apuntando tamén a outra medida esixida pola Xunta e non presente no programa estatal: a realización de probas PCR ás persoas que traballan nestas granxas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.