A Xunta está a tratar con desidia a rehabilitación do Hospital de San Miguel no barrio da Tinería de Lugo

Publicado por o día 06/02/2019 na sección de Política,PSOE

A Xunta está a tratar con desidia a rehabilitación do Hospital de San Miguel no barrio da Tinería de Lugo

A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, censurou hoxe a “desidia” coa que a Xunta está a tratar a rehabilitación da casa medieval encostada a Muralla xunto a Porta Miñá, coñecida como Hospital de San Miguel. Así o dixo na pregunta realizada hoxe na Comisión 6ª, Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento que, foi dirixida ao Xerente da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, e na que se lle preguntaba sobre o traballo da Xunta e sobre se a casa estaría en condicións para o ano 2021.

A deputada socialista criticou así o abandono ao que se ve sometido o inmoble e lamentou que se tardase “10 anos para convocar unha mesa” que afronte a situación e “4 meses para facer a primeira reunión”. “Se chega a ser a casa dun particular ordenaríase o seu arranxo” sinalou en referencia ao estado ruinoso dun inmoble que e perfectamente visible por todo o que pasee pola Muralla.

A parlamentaria socialista recordou en que “o goberno de Emilio Pérez Touriño tiña o proxecto de facer nela un Centro de Estudos xacobeos dada a súa localización” e sería co cambio de goberno e o abandono desta idea que a casa veríase abandonada e nun estado de “absoluta ruína” podendo caer en calquera momento e sendo por iso necesario “rehabilitar aínda que non se teña unha idea clara de que facer con ela”.

A responsable socialista lembrou que, en vistas ao próximo Ano Xacobeo, a Xunta afirma que realizará multitude de obras e tomará multitude de medidas para que todos os camiños estean listos, sendo paradóxico que se manteña ruinosa unha casa medieval, propiedade da Sociedade do Xacobeo en pleno Camiño Primitivo, declarado Patrimonio da Humanidade e, aínda mais, no centro dunha cidade e na contorna doutros dous Patrimonios da Humanidade.