A Xunta estuda fórmulas para optimizar a xestión do Porto de Vigo co obxectivo de garantir a súa competitividade futura

O Executivo galego analiza mecanismos para facer fronte á puxanza de competidores estranxeiros como os peiraos portugueses e mellorar a coordinación entre os organismos con competencias no ámbito portuario
Por o 12/03/2019 | Sección: Galicia,Vigo,Xunta de Galicia
A Xunta estuda fórmulas para optimizar a xestión do Porto de Vigo co obxectivo de garantir a súa competitividade futura

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, trasladáronlle hoxe aos responsables da Federación de Usuarios do Porto de Vigo (FUPV) que o Executivo galego vai estudar fórmulas para optimizar a xestión interna e os servizos aos usuarios deste peirao galego co obxectivo de que manteña a súa competitividade no futuro e faga fronte á puxanza de competidores estranxeiros como os portos portugueses.

Esta foi a resposta do Goberno autonómico á preocupación desta asociación viguesa, que agrupa a máis de 1.500 empresas con máis 34.300 traballadores, ante a competencia que supón principalmente o peirao luso de Leixões en canto ao tráfico de mercadorías. Neste sentido, tanto o presidente da Xunta como a conselleira do Mar explicáronlle aos representantes da FUPV que a Autoridade Portuaria de Vigo e o Executivo galego están a analizar a situación desde hai tempo para ver a mellor forma de actuar na defensa dos intereses de Galicia e das súas empresas.

Entre as medidas propostas, defendidas tamén pola asociación de usuarios, está a mellora da coordinación entre as administracións con competencias nos portos, tanto no de Vigo como noutros da comunidade, como son a Autoridade Portuaria, a Xunta, o Goberno central ou os concellos, coa idea mellorar a competitividade e eficiencia dos peiraos pero tendo presente tamén a súa situación urbanística e a converxencia porto-cidade.

Nesta liña de mellora da xestión interna e da coordinación no porto tamén se abordaron aspectos como as taxas portuarias ou por utilización de espazos, así como a importancia dun bo funcionamento do Punto de Inspección Transfronteirizo (PIF) para gañar en competitividade. Con ese obxectivo, a Xunta defende mecanismos para axilizar o despacho dos contedores e exixe que se vele pola igualdade de condicións na aplicación da normativa comunitaria no relativo aos controis que se realizan nos portos europeos.

Os representantes do Executivo galego e da FUPV tamén mostraron a súa sintonía noutra das reivindicacións da asociación de usuarios do porto, a participación da entidade de xeito máis directo no consello de administración da Autoridade Portuaria de Vigo. Ambas partes acordaron analizar as posibilidades de que se produza esta incorporación.

Corredor Atlántico

Outro dos asuntos abordados no encontro foi o do Corredor do Atlántico. O presidente da Xunta trasladou o compromiso do Goberno galego de continuar a traballar para mellorar a conexión ferroviaria entre Galicia e Portugal para facela moderna e competitiva. Remarcou a determinación da Administración autonómica de defender a execución da saída sur de Vigo para facer desta cidade unha auténtica estación pasante que se consolide como capital da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O presidente lamentou que a conexión Vigo-Porto quedase finalmente fóra do trazado do Corredor Atlántico de Mercadorías, pero sinalou que a súa inclusión, por primeira vez, na Rede Global europea representa unha oportunidade para optar, como sección transfronteiriza, a un importante financiamento europeo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.