A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza no Rego do Charco, ao seu paso polo concello de Vigo

Os traballos esténdense ao longo dun tramo de máis de 600 metros e consisten nas rozas localizadas nas zonas de traballo e a retirada de árbores caídas e apeo das secas con risco de caída
Publicado por o día 04/09/2019 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza no Rego do Charco, ao seu paso polo concello de Vigo

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, executa actuacións de limpeza e conservación no rego do Charco, ao seu paso polas parroquias de Oia (San Miguel) e Saians (San Xurxo), no Concello de Vigo.

Estes traballos de mantemento estanse a levar a cabo no treito interurbano deste río e se estenden nun tramo de máis de 600 metros de lonxitude, desde a estrada PO-325 ata Camiño do Fortiñón.

As obras céntranse nas rozas localizadas para o acceso aos puntos de traballo e a retirada de árbores caídas e apeo das secas con risco de caída. Unha vez finalizadas estas actuacións, ambos ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia- Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-Sur e as súas zonas de acceso e protección.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, mediante este tipo de tarefas, continúa traballando na mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.