A Xunta explica aos veciños e veciñas de Moaña a situación na que se atopa o centro de saúde proxectado nesta localidade

Cómpre lembrar que está prevista unha inversión de 11,2 millóns de euros en infraestruturas para solucionar as necesidades sanitarias de Cangas e Moaña
Publicado por o día 13/12/2018 na sección de Galicia,Moaña,Sanidad

A Xunta explica aos veciños e veciñas de Moaña a situación na que se atopa o centro de saúde proxectado nesta localidade

O xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, desprazouse ata a Delegación Territorial da Xunta en Vigo para manter unha reunión cos veciños e veciñas de Moaña e explicarlles a situación na que se atopa o centro de saúde proxectado nesta localidade.

Na cita, que se celebrou a petición dos propios veciños, preocupados pola futura infraestrutura sanitaria, e que contou coa presenza da subdirectora de Procesos sen ingreso e Urxencias da EOXI de Vigo, Reyes Díaz, e o delegado territorial Ignacio López-Chaves, informáronlles sobre o contido do Plan de necesidades sanitarias para a poboación de Cangas e Moaña no que se inclúe a construción do centro de saúde.


A Administración autonómica prevé a dotación dun Centro Integrado de Saúde en Cangas e un centro de saúde en Moaña, infraestruturas nas que se investirán 11,2 millóns de euros, dando con elas cobertura as necesidades sanitarias de ambos os dous concellos para os vindeiros 50 anos.

Sobre a situación concreta na que se atopa o centro de saúde da localidade moañesa, Fernández-Campa aclarou que a Xunta segue á espera da certificación urbanística que confirme a titularidade dos terreos de Sixalde por parte do Concello, paso previo para poder avanzar na súa tramitación.

Neste senso, o xerente do Servizo Galego de Saúde lembrou que falta por recibir o visto e prace do Concello ao borrador do convenio de colaboración que se lle remitiu o pasado mes de novembro e que compromete ao Goberno local a pór a disposición da Xunta os terreos -debidamente urbanizados para unha superficie edificable de 3.100 metros cadrados- e á Administración autonómica a asumir a construción do centro de saúde. A nova dotación sanitaria suporá un investimento de 4,3 millóns de euros.

Comentar noticia

Your email address will not be published.