A Xunta explora as oportunidades de impulsar en Galicia o mercado do moble adaptado ás persoas maiores

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, inaugurou esta mañá a xornada en liña ‘Mobiliario pensado para o coidado das persoas maiores’
Publicado por o día 28/01/2021 na sección de Medio Ambiente,Xunta de Galicia

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou esta mañá na xornada en liña Mobiliario pensado para o coidado das persoas maiores, no que se avaliaron novas posibilidades para o sector do moble e do contract galego.

Dirixida a empresas da madeira e do moble, do sector sociosanitario, a tecnoloxía e o deseño, na xornada presentouse un estudo de mercado do mobiliario para seniors, co obxectivo de promover, ademais, un primeiro encontro entre sectores que poden colaborar neste eido. Tendo en conta que Galicia é pioneira en envellecemento activo e xestión sociosanitaria e conta cunha importante industria forestal e un sector do contract cada vez máis consolidado, este mercado pode supoñer unha importante oportunidade de crecemento.

Lema destacou o compromiso da Xunta –a través da Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación– co fomento do uso da madeira, coa diversificación da industria forestal e coa busca de novos mercados e novos produtos co obxectivo de que este material autóctono, natural e reutilizable axude a impulsar a bioeconomía e contribúa a xerar riqueza e emprego en Galicia. Así, a xornada de hoxe enmárcase nas previsións da Axenda de impulso da industria forestal, na que se recolle a promoción de encontros entre sectores nos que o forestal poida axudar a impulsar a bioeconomía promovendo novas sinerxías e abrindo novas oportunidades de negocio.