A Xunta facilitou que preto de mil persoas maiores participasen nos programas de benestar en balnearios

O vindeiro mes comezan as estadías de 300 persoas en establecementos de talasoterapia
Publicado por o día 18/09/2018 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta facilitou que preto de mil persoas maiores participasen nos programas de benestar en balnearios

A Xunta de Galicia facilita que 300 persoas maiores gocen dunha estadía de seis días e cinco noites en tres establecementos talasos situados na comunidade durante o último trimestre do ano grazas ao Programa de benestar a través da talasoterapia.

Deste xeito, e a partir do 7 de outubro, os participantes acudirán ao Hotel Talaxo Louxo (Illa de Arousa, Pontevedra), ao Talaso Atlántico (Oia, Pontevedra) e ao Thalasso Cantábrico (Viveiro, Lugo).

A Consellería de Política Social aposta pola promoción dunha vida activa, saudable, independente e segura, tal e como se establece na Estratexia galega de envellecemento activo desde a innovación 2016-2020. Por elo, a Administración autonómica desenvolve programas e actuacións destinadas ao fomento de actitudes positivas cara ao coidado da saúde, a adopción de hábitos de vida saudable e o impulso das terapias non farmacolóxicas que promovan a autonomía persoal e as relacións sociais.

Tendo en conta os beneficios que presenta a auga de mar para a saúde, como efectos analxésicos, antiinflamatorios, ou de mellora da circulación sanguínea entre outros, a Xunta puxo en marcha o Programa de benestar a través da talasoterapia, coa finalidade de facilitar ás persoas maiores o acceso a establecementos que ofertan talasoterapia en épocas nas que a climatoloxía non permite gozar directamente da auga mariña.

Esta iniciativa forma parte do Programa benestar en balnearios 2018, no que se ofertaron en 2018 un total de 679 prazas en distintos establecementos da comunidade galega.