O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, presidiu hoxe a xornada de traballo on line a prol da dixitalización do sector forestal, dentro dunha estratexia que ten, entre outras finalidades, as de reducir custos e mellorar a trazabilidade e eficiencia da cadea de subministro da madeira.
Neste evento, organizado pola Consellería do Medio Rural e pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), xunto co Clúster da Madeira de Galicia, o director xeral presentou os principais proxectos dixitais desenvolvidos ao longo dos dous últimos anos polo seu departamento e adiantou tamén aqueles que se están a desenvolver actualmente en coordinación coa Amtega.
Así, José Luis Chan lembrou iniciativas como as plataformas que facilitan os aproveitamentos madeireiros de xestión privada e tamén nos montes xestionados por parte de Medio Rural. En relación con estes últimos (xestionados pola Consellería), salientou a presentación telemática, as poxas electrónicas ou o servizo web cartográfico. Referiuse ademais ao Rexistro de empresas do sector forestal (Resfor), que entre outras cousas permite a presentación de declaracións responsables. Así mesmo, destacou a creación de servizos web de consulta e outras funcionalidades, como a presentación telemática de reinvestimentos en comunidades de montes veciñais en man común.
A continuación, presentouse o proxecto piloto FORTRA (Forest Traceability), unha ferramenta dixital de carácter comercial que permite informar a clientes e consumidores das características diferenciais dun produto baseado en madeira. Enmárcase nunha estratexia de valorización destes produtos galegos, de forma que se distingan nos mercados nacionais e internacionais e que se sitúen nunha posición vantaxosa, co conseguinte aumento da competitividade do sector.
Proximidade e pegada de carbono negativa
Para iso, a Consellería do Medio Rural desenvolveu un sistema de trazabilidade de orixe, transparente e público (baseado no uso da tecnoloxía Blockchain). Este sistema, avalado pola Administración forestal, permite presentar os produtos galegos baseados en madeira como produtos de proximidade (quilómetro “0”), cunha pegada de carbono negativa (absorbe CO2), libres de deforestación, xestionados de forma sostible e, en determinados casos, cun selo de certificación forestal (PEFC e/ou FSC).
Estas iniciativas forman parte das medidas de dixitalización e valorización dos produtos galegos que incorporou o novo Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, que actualmente se está a debater no Parlamento de Galicia. Asemade, esta actuación está tamén contida no Plan de Reactivación presentado o ano pasado pola Consellería do Medio Rural.
Neste contexto, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta reafirmou nesta xornada de traballo que a transición dixital e “verde” do sector forestal de Galicia está a ser un obxectivo irrenunciable tanto para a Consellería do Medio Rural como para a Amtega.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.