A Xunta habilitará o dobre sentido de circulación no ramal de acceso ao Corredor do Morrazo desde Cangas

A Axencia Galega de Infraestruturas acometerá esta noite os traballos de pintado
Por o 06/02/2019 | Sección: Cangas,Galicia
A Xunta habilitará o dobre sentido de circulación no ramal de acceso ao Corredor do Morrazo desde Cangas

A Xunta de Galicia habilitará o dobre sentido de circulación no ramal de acceso ao Corredor do Morrazo desde Cangas para permitir tamén a entrada directamente a esta vila dende o enlace mentres se realizan os traballos de estabilización do noiro.

A Axencia Galega de Infraestruturas acometerá esta noite os traballos de pintado dos dous carrís na calzada do ramal de acceso ao Corredor situado no punto quilométrico 12 do mesmo (dirección Rande). Mentres se realicen esas tarefas haberá sinalistas regulando a circulación nese ramal.

O obxectivo desta medida é achegar unha alternativa provisional mentres duren os traballos de estabilización do noiro no ramal da marxe dereita, afectado por un desprendemento producido polas chuvias da semana pasada.

Paralelamente, o persoal ao servizo da Axencia Galega de Infraestruturas está a traballar na retirada do material solto do noiro e a analizar a súa situación xeral coa fin de planificar as actuacións necesarias para a súa estabilización, de forma que se poida garantir plenamente a seguridade da circulación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.