A Xunta impulsa a figura do arquitecto Domingo de Andrade cunha mostra itinerante que arranca na alameda de Santiago

Está composta por 24 paneis divididos en oito prismas que amosan a súa pegada en construcións emblemáticas como a Berenguela ou a escaleira de Bonaval
Publicado por o día 27/07/2020 na sección de Galicia,Santiago,Turismo,Xunta de Galicia

A Xunta impulsa a figura do arquitecto Domingo de Andrade cunha mostra itinerante que arranca na alameda de Santiago

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, inaugurou hoxe no parque da Alameda de Santiago a mostra Xenio, gloria e oficio coa que a Xunta, en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, pon en valor a figura do arquitecto Domingo de Andrade. Trátase dunha exposición itinerante que se poderá visitar na capital galega ata o vindeiro 15 de agosto e que nos vindeiros meses continuará divulgando o seu legado en Tui, Ourense e Lugo.

No acto de presentación, Román Rodríguez celebrou esta colaboración do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia para impulsar a traxectoria “deste construtor que nos deixou en herdanza paisaxes de pedra extraordinarias e ao que se dedicou o Día das Artes Galegas deste ano”. Neste sentido, sinalou que aínda que é en Compostela onde Andrade conta cunha maior representación, “a súa obra se estende moito máis alá de Santiago e transformou espazos emblemáticos tamén en Lugo, Ourense e A Coruña ou en espazos fundamentais para o Camiño de Santiago como Oseira ou Sobrado dos Monxes”.

“Boa parte do traballo de Andrade aínda pervive e nos identifica como territorio”, precisou Román Rodríguez antes de asegurar que obras como a tripla escaleira de caracol do Museo do Pobo Galego ou a Torre do Reloxo da Catedral –a Berenguela– son xa iconas do barroco que recoñecen a meirande parte dos composteláns, galegos ou visitantes.

A exposición inaugurada hoxe en Santiago, comisariada polos membros da Real Academia Galega de Belas Artes José Ramón Soraluce e Ramón Yzquierdo, está composta por 24 paneis, divididos en oito prismas, nos que se mostra a través de imaxes fotográficas, planos e textos a longa traxectoria de Domingo de Andrade así como o seu traballo en construcións relixiosas e civís como templos, vivendas, claustros, sacristías ou retablos.

Día das Artes Galegas

Cómpre destacar que a importancia da mestría e oficio deste xenio da arquitectura barroca propiciou que a Real Academia Galega decidira dedicar o Día das Artes Galegas deste ano á difusión da súa figura e traxectoria artística. Tendo en conta as especiais circunstancias na que se conmemorou esta data, o pasado 1 de abril, con motivo do coronavirus, a institución anunciou que ampliará a súa homenaxe ata 2021 e que levará a cabo unha serie de actividades e xornadas para difundir e poñer en valor a vida e obra de Domingo de Andrade.

Domingo de Andrade, nado na localidade de Cee, é un dos primeiros grandes arquitectos naturais de Galicia en pleno Barroco, mestre dos máis importantes artistas do século XVIII e figura destacada da arquitectura española nos dous campos onde exerceu o seu oficio, a retablista e a construción. Entre a súa traxectoria destaca a labor que realizou como aparellador maior da Catedral de Santiago ou mestre de obras nesta mesma basílica.

Comentar noticia

Your email address will not be published.