A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución da concesión de axudas para impulsar a transformación dixital de 112 pemes que mobilizarán investimentos por valor de 5,5 millóns de euros. Esta convocatoria achegará 2,2 millóns de euros a apoiar a modernización e mellora da competitividade do tecido industrial galego, con financiamento que pode acadar o 30% no caso dos investimentos das pequenas empresas e o 20% para as medianas.
Para lograr ese obxectivo esta iniciativa impulsa a interconexión dixital entre empresas vinculadas pola súa actividade e a dixitalización dos seus procesos produtivos. Ademais de apoiar a adquisición de equipos e software, as axudas facilitan as colaboracións necesarias para a súa implementación, financiando proxectos colectivos de agrupacións, pemes e iniciativas promovidas a nivel individual.
Entre os apoiados nesta edición do programa cofinanciado polo Igape e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) están iniciativas como a posta en marcha dunha plataforma vitivinícola integrada, sistemas de dixitalización da seguridade industrial e de información para a transformación integral de procesos industriais, ou a aplicación da business intelligence na xestión integral destes procesos.
Este programa inclúe un instrumento de apoio dobre: por unha parte, o tecido asociativo galego pode organizar cursos para a xeración de proxectos de dixitalización realizados colectivamente, que son financiados ao 100%. Por outra, concédense axudas a empresas para investimentos no eido dixital. A través das dúas convocatorias publicadas en 2019, este programa de impulso á dixitalización vén de apoiar un total de 244 proxectos empresariais con axudas que acadaron 8,4 millóns de euros, que están a mobilizar investimentos por valor de preto de 11,2 millóns de euros.
Co mesmo obxectivo de impulsar a transformación dixital do tecido empresarial galego e a Industria 4.0, a Xunta activará nas próximas semanas programas de apoio por preto de 67 millóns de euros, dos que se poderán beneficiar tanto as empresas como os centros tecnolóxicos. Estas convocatorias, que se publicarán no Diario Oficial de Galicia (DOG) ao longo deste primeiro trimestre e aos que se lles sumarán diferentes iniciativas durante todo o ano, enmárcanse na Axenda Industria 4.0 e na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, as follas de ruta coas que se impulsa a innovación e a competitividade do tecido empresarial galego co obxectivo de crear emprego de calidade.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.