A Xunta impulsa a través de ‘O teu Xacobeo’ rutas de navegación peregrina para vivir o camiño desde as rías

Catro veleiros navegan durante este verán pola Travesía Náutica Sur desde os portos de Vigo, Portonovo, Baiona, Ribeira e A Pobra do Caramiñal
Por o 21/08/2019 | Sección: Turismo
A Xunta impulsa a través de ‘O teu Xacobeo’ rutas de navegación peregrina para vivir o camiño desde as rías
Compartir en:

A Xunta, a través do programa O teu Xacobeo, impulsa este verán travesías náuticas xacobeas para completar desde as rías as etapas terrestres do Camiño de Santiago e para dar a coñecer o traxecto da entrada da barca de pedra do Apóstolo desde a bocana da ría de Arousa. As saídas en veleiros poden realizarse desde Vigo, Portonovo, Baiona, Ribeira e a Pobra do Caramiñal, portos que forman parte da chamada Travesía Náutica Xacobea Sur.

Os percorridos que saen desde os portos das rías de Vigo e Pontevedra pretenden complementar as etapas a pé do Camiño de Santiago e están concibidas, ademais, co obxectivo de difundir a cultura galega, a gastronomía e a historia de Galicia a través da Ruta Xacobea. Están activas ao longo dos meses de agosto e setembro e están coordinadas pola empresa Chárter Galicia.

A iniciativa O teu Xacobeo promovida polo Goberno galego, acolle unha ampla oferta de actividades para estender por toda Galicia os valores do vindeiro Xacobeo 21. O programa conta cun investimento de 4,7 millóns de euros para poñer en marcha 352 proxectos espallados por toda Galicia e deseñados por concellos, entidades sen ánimo de lucro e empresas galegas, convidando deste xeito á participación de toda a cidadanía e a descentralización da programación do próximo Ano Santo.

As actividades incluídas na programación de O teu Xacobeo abarcan temáticas como a difusión da cultura, o patrimonio, a gastronomía, o deporte e a arte de Galicia coa vista posta na promoción do Xacobeo 2021. Neste caso, as accións enfocadas cara ás actividades náuticas pretenden promover o turismo náutico galego e promocionar os seus portos deportivos.

Setembro e outubro

As rutas programadas desde Ribeira funcionan con varios horarios de mañá e tarde os martes e venres do mes de agosto. O obxectivo principal é facer o mesmo percorrido que fixo o corpo do Apóstolo, desde o Océano Atlántico ata o cruceiro do parque de Pedra Pateira, en Santa Uxía, considerado a porta de entrada na Ruta Xacobea do mar de Arousa e Ulla. Estas rutas están coordinadas polo Concello de Ribeira.

No mes de setembro e outubro, tamén dentro da programación de O teu Xacobeo, o Concello da Pobra do Caramiñal coordinará unha traslatio cunha ruta en veleiro similar á ofrecida estes días en Ribeira. E tamén desde o 24 de agosto poranse en marcha rutas xacobeas do mar de Arousa a pé que conectarán a Illa de Cortegada co Camiño de Santiago.

Peregrinación desde Irlanda

O teu Xacobeo conta con outros proxectos vinculados á peregrinación por mar como é a recuperación do Noamh Gobrait, unha embarcación tradicional a remo que saíu das costas irlandesas rumbo á Coruña para que a súa tripulación iniciase desde aí a súa peregrinación ata Santiago. Logo de tres veráns remando preto da costa, polo Atlántico, a embarcación alcanzou as costas galegas e os seus peregrinos lograron chegar a Compostela. Un ano máis tarde a embarcación sufriu un accidente no río Miño.

Hoxe, o barco descansa no Museo do Mar de Galicia e O teu Xacobeo ten previsto formar parte da súa restauración, que farán artesáns irlandeses á vista do público que se achegue ao recinto para coñecer a historia deste barco e a dos seus peregrinos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.