A Xunta impulsa as sinerxías entre a mocidade galega e o tecido empresarial a través de encontros sectoriais

A iniciativa fomenta oportunidades no eido laboral e ofrece ferramentas para que a xente nova adquira coñecementos que axuden ao seu desenvolvemento profesional e persoal
Publicado por o día 19/12/2018 na sección de Galicia,Lalín

A Xunta impulsa as sinerxías entre a mocidade galega e o tecido empresarial a través de encontros sectoriais

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou no encontro sectorial A importancia do capital humano na empregabilidade xuvenil, posto en marcha no Espazo Xove de Lalín. Un encontro onde mozas e mozos e distintos actores do territorio estableceron unha dinámica de diálogo e coñecemento mutuo que poderá impulsar a aparición de oportunidades no eido laboral.

Durante a súa intervención, Cristina Pichel gabou este tipo de iniciativas que impulsan unha relación máis estreita entre a xuventude galega e a realidade socioeconómica de cada zona. Un nexo de unión que considerou “beneficioso para ambas as partes”, pois por un lado as mozas e mozos adquiren coñecementos que os axudan a desenvolverse persoal e profesionalmente; e por outro, o tecido empresarial prepara ás novas xeracións para os retos que se atopará no mercado laboral.

Así mesmo, a directora xeral incidiu en que con estas actividades a mocidade galega ten un contacto directo coas potencialidades e características socio produtivas do seu propio territorio. Despois das súas palabras, a directora deu paso á mesa redonda O capital humano e a selección de perfís laborais, na que participaron Nicolás López, director financeiro da empresa Metaldeza, e David Castro, director de persoas e cambio da entidade Inasus.

Cómpre lembrar que o Espazo Xove de Lalín, ao abeiro do programa Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfonteirizo (Lidera), tamén é un Espazo Emprende onde os mozos e mozas poderán impulsar os seus proxectos de emprendemento a través do coworking. Nestas instalacións, os usuarios dispoñen tanto de medios como de asesoramento personalizado e formación para a posta en marcha dos seus negocios e ideas.

Ademais desta actividade en Lalín, tamén se celebraron hoxe outros dous encontros sectoriais. Un en viveiro sobre orientación profesional e emprendemento, e outro en Vilagarcía, baixo o nome de Emprender apostando polo medio ambiente no sector marítimo pesqueiro. Mañá poñerase en marcha unha nova actividade no municipio lucense de Vilalba que tratará os rallies e a mecánica de competición e o venres organizarase unha nova actividade en Betanzos sobre o empoderamento da muller.

Proxecto Lidera

Estes encontros sectoriais enmárcanse no proxecto Lidera, aprobado ao abeiro do programa Interreg España Portugal 2014-2020. Dentro do proxecto Lidera enmárcase na actividade Crece, que ten como obxectivo provocar un coñecemento, proceso e contexto de traballo en rede, no que se involucren os distintos actores e reactivos do territorio a través da xeración de espazos de desenvolvemento local no ámbito de influencia do proxecto. O plan Lidera conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros, cun cofinanciamento dun 75% de fondos Feder, e unha duración de catro anos (2016-2019).

Comentar noticia

Your email address will not be published.