A Xunta impulsa con 2,4M€ o traballo das asociacións e federacións de comerciantes a prol da competitividade do sector

A Consellería de Economía, Emprego e Industria concede apoios a 53 centros comerciais abertos, 26 asociacións de praceiros e 13 federacións
Publicado por o día 01/09/2019 na sección de Economía,Emprego,Empresas

A Xunta impulsa con 2,4M€ o traballo das asociacións e federacións de comerciantes a prol da competitividade do sector

A Xunta vén de conceder axudas por preto de 2,4 millóns de euros para impulsar a competitividade do comercio mediante a colaboración con 53 centros comerciais abertos (CCA), 26 asociacións de praceiros e 13 federacións e asociacións de ámbito superior ao municipal. O obxectivo é reforzar o papel destas asociacións na dinamización do comercio na actividade das vilas e cidades galegas a través de iniciativas que permiten atraer clientela e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores.

Por unha banda, concédense apoios aos centros comerciais abertos para proxectos que inclúan iniciativas de dinamización comercial, sistemas de fidelización, sinalización externa ou mellora da competitividade comercial, entre outros. Como novidade, entre as actuacións apoiadas inclúese a creación de sinerxías e oportunidades dixitais a través do asociacionismo, con axudas para a posta en marcha de solucións dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados e mellora e modernización da imaxe do centro comercial aberto, a implantación e mellora do portal web do CCA ou márketing dixital. Cada entidade pode obter apoios de ata 40.000 euros, en función do número de comercios asociados e a poboación da localidade na que estean situados. Súmanse a este programa por primeira vez a Asociación de Comerciantes de Celanova e a Asociación de Comerciantes Pau de Navia (Vigo).

Esta liña tamén se dirixe a asociacións de praceiros que, ademais de proxectos de fidelización, sinalización, dinamización e competitividade, poderán desenvolver iniciativas relacionadas coa mellora de instalacións e equipamentos. As axudas poden chegar a un máximo de 9.800 euros. Obtén apoios por primeira vez a través desta convocatoria a Asociación de Usuarios de Casillas da praza de abastos de Santiago de Compostela.

A través da liña dirixida a asociacións de ámbito superior ao municipal ou federacións para o impulso do comercio de proximidade e a incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial. Neste caso, os apoios poden chegar aos 49.000 euros.

Comentar noticia

Your email address will not be published.