A Xunta impulsa cursos de defensa persoal fronte a situacións de violencia de xénero en 60 concellos

A Secretaría Xeral de Igualdade colabora coa Federación Galega de Loita nesta iniciativa que o próximo mes chegará a oito municipios galegos
Publicado por o día 24/08/2019 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta impulsa cursos de defensa persoal fronte a situacións de violencia de xénero en 60 concellos

A Xunta, en colaboración coa Federación Galega de Loita (Fegaloita), está a formar a mulleres en defensa persoal e autocapacidades para a prevención de situacións de violencia machista a través de cursos que se están a impartir en toda Galicia nun total de 60 concellos.

A Administración autonómica ofrece esta actividade, xunto con Fegaloita, aos municipios adheridos á Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, que actualmente engloba a 204 concellos e mancomunidades. Estas entidades locais poderán levar a cabo os cursos en colaboración cos Centros de Información a Mulleres (CIM) ou cos servizos sociais.

As seguintes convocatorias serán no mes de setembro en oito concellos: na Estrada do día 3 ao 17 de setembro; en Ortigueira do 9 ao 11; en Baiona e en Cerdido entre o 14 e o 28; en Muxía e en Teo do 23 ao 25; en O Carballiño os días 24 e 25 e en Arteixo o 27 e o 28. Durante o último trimestre do ano os cursos de defensa persoal e autocapacidades para a prevención de situación de violencia de xénero chegarán a outros 35 municipios. Esta proposta arrancou o pasado xuño e xa pasou polos concellos de Rábade, Pol, Cuntis, Negreira, A Gudiña, Lousame, Avión, Tordoia, Riós, Nigrán, Celanova, Quintela de Leirado, Leiro, Melón, Cabanas e Valdoviño.

A Xunta, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, facilita á Federación Galega de Loita material informativo e de sensibilización a prol da eliminación da violencia de xénero para distribuílo nas súas accións formativas e pon ademais á súa disposición contidos sobre violencia de xénero para incluír no seu programa formativo.

Pola súa parte, instrutores e instrutoras de Fegaloita cualificados e con experiencia en técnicas de intervención en violencia de xénero encargaranse de formar ás mulleres participantes nos cursos de defensa persoal fronte á situacións de violencia de xénero

Estes cursos forman parte das actividades que a Administración autonómica ofrece aos concellos adheridos á Rede, e que tamén inclúe exposicións e iniciativas de concienciación, obradoiros educativos ou programas de asesoramento e terapia familiar con nenos e nenas que teñan sufrido directa ou indirectamente a violencia de xénero.

Ademais desta rede, a Xunta colabora cos concellos noutras medidas a favor da igualdade e contra a violencia machista a través dos Centros de Información á Muller, nos que se presta asesoramento legal e laboral ou apoio psicolóxico, así como con outras medidas noutros ámbitos como a educación ou o deporte.

Comentar noticia

Your email address will not be published.