A Xunta impulsa na Cidade da Cultura ‘Audacia’, o primeiro gran festival das artes e do emprendemento de Galicia

A cita, que forma parte da programación do Xacobeo 2021, celebrarase os días 18 e 19 de outubro e terá entrada de balde
Publicado por o día 07/09/2019 na sección de Cultura

A Xunta impulsa na Cidade da Cultura ‘Audacia’, o primeiro gran festival das artes e do emprendemento de Galicia

A Xunta de Galicia impulsará os días 18 e 19 de outubro na Cidade da Cultura o primeiro gran festival das artes e do emprendemento de Galicia, Audacia, que procura converterse nunha mostra da excelencia galega en produtos, servizos, convocatorias e iniciativas relacionadas coas creacións contemporáneas. A cerna desta iniciativa ‒enmarcada dentro da programación do Xacobeo 2021‒ baséase en compaxinar no feito artístico, na viabilidade económica e no éxito dos proxectos participantes.

Ao longo de dúas xornadas, participarán creadores, persoas emprendedoras, alumnado de centros de ensino do ámbito artístico, así como representantes de museos, galerías de arte, academias, fundacións, universidades e outras institucións culturais. Deste xeito, a Xunta de Galicia ofrece con Audacia un espazo de intercambio no que artistas e profesionais interesados no ámbito do emprendemento, da formación, da empresa ou da economía poidan establecer relacións que confirmen e consoliden a utilidade das artes como actividade económica.

Coñecer a experiencia de dez artistas de éxito

Audacia tamén busca ser un certame no que difundir ideas e procesos de traballo que poñan en valor a ousadía e o risco. Por este motivo, unha das súas seccións principais será Audacia inspira, na que se dará a coñecer dez experiencias motivadoras e alentadoras de artistas de diferentes eidos que falarán da súa traxectoria, desde os seus procesos creativos, os comezos no mundo profesional, ou a superación de obstáculos e problemas.

Deste xeito, compartirán a súa experiencia en xornada abertas e de balde o director cinematográfico Oliver Laxe, o primeiro en conseguir que un filme en galego fose seleccionado e premiado no prestixio Festival de Cannes; o artista de vangarda internacional Daniel Canogar: a galega Sonia Iglesias, model maker en stop-motion que traballou con Tim Burton; ou Carlos Sedes, director da serie de éxito Fariña e o primeiro director español en traballar para Netflix.

Estes casos de éxito pretenden ser inspiradores e dun xeito especial para un público particular que tamén terá en conta o festival: o alumnado de estudos en ensinanzas vencelladas co feito artístico, como poden ser escolas e bacharelatos de artes e tamén titulacións universitarias. Por este motivo, na sección do festival Audacia emprende existirán encontros pechados destes colectivos académicos con algún destes 10 recoñecidos profesionais para os que será preciso inscribirse.

Actuacións musicais

Mais non só se aprenderá con profesionais nesta feira mediante charlas e encontros, senón tamén a través de espectáculos artísticos. Así, cada unha das xornadas pecharase cunha actuación, que terán en común o éxito de asumir un risco creativo. Deste xeito, o venres 18 de outubro clausurarase con The Primitals, unha comedia musical a capela, orixinal e arriscada que recolleu eloxios da crítica e do público, enchendo a capacidade de todos os teatros e auditorios nos que se representa.

A mesma definición podería aplicarse ao espectáculo Mercedes e mais eu, que permitirá ver xuntas na Cidade da Cultura de Galicia a Janet Novás ‒unha das bailarinas galegas de danza contemporánea máis internacionais‒ con Mercedes Peón, compositora e intérprete singular e que goza de recoñecemento no escenario musical dentro e fóra de Galicia.

Eido expositivo

Outra das seccións importantes deste festival serán os expositores. Durante estes dous días ofertarase, ao alcance dos visitantes, artistas e emprendedores todas as posibilidades que desde as administracións se ofrece en cuestión de premios, concursos, axudas, convocatorias e subvencións relacionadas directamente coas artes, empresas culturais e o emprendemento creativo.

Do mesmo xeito, haberá expositores de centros de formación, conservatorios, institutos e outros centros de ensinanzas artísticas, musicais e dramáticas, que ofrecerán as súas posibilidades de estudos, á vez que amosarán os fitos conseguidos polo seu alumnado.

E nesta sección expositiva tamén se convidará a artistas ou persoas emprendedoras a vir mostrar o seu proxecto, produto ou servizo. Sumaranse a este convite empresas privadas co obxecto de darlle visibilidade a como o feito artístico incrementa o valor dos produtos e dos servizos. Serán espazos abertos onde os deseñadores ou fabricantes convidados expoñerán o proceso creativo aplicado ás súas novas coleccións ou traballos co obxecto de mostrar o vínculo real entre estudos artísticos e emprego vencellado á industria, ao consumo ou á cultura.

O valor e utilidade das artes coa actividade económica

O obxectivo da Xunta de Galicia con este gran festival das artes e do emprendemento é que a sociedade perciba e valore a utilidade social das artes, da diversidade de artistas e dos seus procesos creativos relacionados directamente coa xeración de actividade económica.

Pola súa banda, a Cidade da Cultura confirma con Audacia a súa aposta ‒iniciada coa posta en marcha do Centro de Emprendemento de Galicia (CEM Gaiás)‒ por continuar a ser contedor cultural e impulsor de iniciativas creativas, ao seguir a difundir e desenvolver actividades que fomentan proxectos artísticos economicamente sustentables.

Comentar noticia

Your email address will not be published.