A Xunta impulsa o diálogo coas administracións locais para garantir unha atención social próxima de calidade

Ambos mandatarios fixeron un repaso das principais actuacións da Administración autonómica na localidade
Publicado por o día 05/06/2018 na sección de Galicia,Ponteareas,Xunta de Galicia

A Xunta impulsa o diálogo coas administracións locais para garantir unha atención social próxima de calidade

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo en Santiago co alcalde do municipio de Ponteareas, Xosé Represas Giráldez. Esta reunión responde á aposta da Xunta de Galicia de seguir a impulsar o diálogo entre administracións co obxectivo de garantir unha atención próxima de calidade, así como mellorar os programas e iniciativas no ámbito social.

No que respecta á área de maiores e persoas con discapacidade, Rey Varela indicou que na actualidade Galicia dá cobertura a 56.167 dependentes, o que supón unha ratio de atención do 84,23%, nove puntos por enriba da media nacional. Desta cifra récord de atención á dependencia, salientou a importante aposta polos coidados profesionais e no contorno doméstico ou familiar do beneficiario mediante a ampliación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). De feito, Galicia rexistra os mellores datos de atención do conxunto de España a través desta prestación, que é axeitada para dar resposta á dispersión de poboación que caracteriza a comunidade.

No caso concreto de Ponteareas, desde a creación da Consellería de Política Social en 2015 e ata a data de hoxe o número de horas de SAF a disposición do concello aumentou nun 21,53%, o que equivale a 45.312 horas anuais de servizo. Cómpre destacar que o concello de Ponteareas conta cun centro de maiores dependente da Xunta de Galicia con 20 prazas ademais de estar adherido ao programa “Xantar na Casa”.

Durante o encontro, o conselleiro deu conta ao rexedor das liñas básicas dos orzamentos deste departamento autonómico para 2018, cuxo montante global medra un 9% con respecto ao presente exercicio ata superar os 700 millóns de euros. Ademais, fixo especial fincapé no reforzamento da área de maiores, dependencia e discapacidade á que se destinan 413,7 millóns de euros e que permitirá seguir ampliando, mellorando e estendendo os servizos do noso sistema de atención á dependencia.

Conselleiro e alcalde acordaron continuar coa cooperación emprendida entre as dúas institucións, pensando no benestar e na mellora dos servizos e programas dirixidos ás persoas e familias que máis precisan do apoio das administracións.