A Xunta impulsa o talento audiovisual coa adxudicación de 156.000 euros en axudas a 15 guións, curtas e longametraxes

Publícase na web da Agadic a resolución desta convocatoria anual, que aumentou o seu orzamento un 7,5% para poder apoiar dous proxectos máis que en 2018
Publicado por o día 26/06/2019 na sección de Cultura

A Xunta impulsa o talento audiovisual coa adxudicación de 156.000 euros en axudas a 15 guións, curtas e longametraxes

A Consellería de Cultura e Turismo impulsa o novo talento audiovisual galego a través dunha liña específica de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que acaba de resolver a súa convocatoria de 2019 coa adxudicación de 156.000 euros a 15 novos proxectos de escrita de guión e de produción de curtas e longametraxes.

Esta contía supón un incremento no orzamento destas axudas do 7,5% respecto a 2018, aumento que permitiu apoiar dous proxectos máis que en anos anteriores. En concreto, 30.000 euros destínanse á escrita de seis guións de longametraxes cinematográficas en galego, 36.000 euros á realización de seis curtametraxes en versión orixinal galega e 90.000 euros a tres proxectos de longametraxes con dirección novel.

Proxectos

Neste último apartado, apóianse con 30.000 euros cada unha das propostas de tres realizadores que están a dar os seus primeiros pasos no formato de longa duración: O auto das ánimas, longametraxe de Pablo Lago Dantas; Luz Fandiño, a poeta analfabeta, documental de Sonia Méndez; e Jacinto, de Vizuals Lab con dirección de Javi Camino.

Outros 30.000 euros repártense a partes iguais entre as seis propostas de escrita individual de guión seleccionadas: Antoloxía de inverno, de Lara Bacelo; As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns; Algo parecido á felicidade, de Álvaro Gago; Fame e febre, de Javier Ferreiro López; Queroseno, de Eloy Domínguez Serén, e Insectos, de Alfonso Vázquez Cortizo.

Os 36.000 euros restantes distribúense entre outros seis proxectos de realización de curtametraxes, que contarán con 6.000 euros en cada caso. Trátase de Mércores de cinza, de Nuria Mosqueira; Hai unha virxe alí arriba, de Brandán Cerviño; A miña terra, de Santiago Diéguez Risco; Monte Bravo, de Noelia Muíño; Unha noite marabillosa, de Iván Torres Hernández, e Unidade veciñal, de Antonio García Mejuto.

Estas axudas ao talento da Xunta, pioneiras no seu ámbito dentro do panorama audiovisual español, buscan favorecer a incorporación da nova creación á industria galega coa finalidade de promover a xeración de propostas narrativas de especial valor cinematográfico, así como de contribuír ao enriquecemento cultural de Galicia mediante as distintas formas de expresión audiovisual. A resolución da súa convocatoria de 2019 pode consultarse nas seccións de Avisos e Axudas da web da Agadic.